Diferentes profesionais especializados/as abordarán distintos enfoques de actualidade relacionados ca crise do COVID19 nun ciclo de charlas informativas en liña que promoverá cada venres ás 20:30h. a Federación Galega de Atletismo (FGA). Terán lugar ás 20.30 horas e nelas poderanse plantexar a través da canle do chat as distintas dúbidas de cada un dos/as participantes.
“A iniciativa xurdiu como consecuencia da gran incertidume existente en moitos aspectos que afectan de maneira moi especial e directa ao noso deporte. Para elo, abordaranse distintas charlas a través das cales se pretende arroxar algo de luz e asesoramento sobre catro grandes bloques que serán basicamente os que afecten: a economía, a saúde, a xestión e a planificación”, tal e como explican dende esta entidade deportiva.
A primeira das charlas impartirase este mesmo venres 24 de abril ás 20.30 horas a través de facebook live da Federación Galega de Atletismo e correrá cargo de Rafael Alonso Martínez, responsable dos Servizos Xurídicos da FGA.
Na súa intervención analizará aspectos relacionados coas consecuencias económicas que esta crise está a causar “aos nosos clubs, adestradores e demais persoal con algún tipo de prestación laboral e de como as distintas medidas excepcionais aprobadas recentemente polo goberno, afectarán aos procedementos administrativos dos mesmos”, avanza a FGA.