Como cada ano por estas datas, a concellería de Deportes do Barco presenta o programa deportivo do Concello, tan completo coma sempre, tanto a programada polos clubs como a do propio Concello, con moitas citas tradicionais e outras novidosas.
Así o adiantaba na mañá deste martes 8 de abril o propio concelleiro, Aurentino Alonso, diante da xaula de lanzamento de martelo, nas pistas de Calabagueiros. Alí, falaba dos dous clásicos potentes como son a Milla que vén de recoller un premio da Xunta e o Descenso do Sil; avanzando dúas citas importantes.
A primeira, de carácter case internacional, é a saída da Volta a España dende O Barco na etapa que remata no Morredero. A segunda, é o campionato de España que veñen de conceder, de marcha promoción e máster “moi potente a nivel nacional que se celebrará o 14 de decembro”, dixo Tino, destacando o circuíto “moi curto co cal veranse aos deportistas pasar continuamente”.
Tal como figura no calendario da Federación Española de Atletismo, as probas a disputar no Barco son Campionato de España de Marcha de Inverno de Promoción e Campionato de España 10 km Marcha Ruta Máster.
Con respecto ao resto de actividades, hai de todo, dende deportes de contacto, campionatos de fútbol sala e baloncesto base ou ximnasia de mantemento, ata volei, orientación, petanca ou pádel.
Deportes 2025 Concello do Barco
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver