DeportesÚltima hora

A Federación Galega de Caza entrega os certificados de formación

O acto contaba coa asistencia da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez

 

A Xunta de Galicia considera “vital” o papel que desempeñan os cazadores no control da fauna silvestre e na preservación dos ecosistemas. Así o destacaba a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante o acto de entrega dos certificados de formación dos cursos impartidos este ano pola Federación Galega de Caza.

A representante do Executivo galego puxo en valor ademais a “aposta constante da entidade por facilitar o acceso dos afeccionados a novos coñecementos no eido da seguridade e a prevención de accidentes, as enfermidades da fauna cinexética, a xestión interna das propias agrupacións ou temáticas novidosas como a saúde alimentaria”.

 

Acto de entrega dos certificados de formación dos cursos impartidos pola Federación Galega de Caza.

 

Nesta liña, a vicepresidenta segunda salientou o éxito das accións formativas organizadas pola federación ao longo de 2023, nas que participaron máis de 300 persoas das catro provincias galegas e incluso doutras comunidades como Madrid, Asturias ou Castela-A Mancha.

Ángeles Vázquez puxo de relevo tamén a transcendencia da formación para acadar unha caza máis ética, responsable e sostible pois contribuirá ao mantemento do equilibrio ecolóxico, á recuperación dos ecosistemas silvestres e á conservación de grandes espazos naturais.

Por iso, a Xunta “vai seguir apoiando e colaborando coa Federación Galega de Caza para fomentar esta práctica deportiva e impulsar a remuda xeracional do colectivo posto que desenvolve unha función fundamental para afrontar cuestións como a emerxencia cinexética polo xabaril que afecta a 248 concellos da comunidade”, dixo.

Artigos relacionados

Back to top button