
Co inicio do ano e unha nova tempada deportiva, chegan os cambios e os nomeamentos de cargos nas diferentes federacións.
Así, na xornada do luns 7 de febreiro, a Federación Galega de Karate nomeaba a Nicolás Rodríguez seleccionador galego de kata e a Federación Galega de Montañismo facía o propio con Verónica Calvo Dopazo, que será a nova seleccionadora galega de carreiras por montaña, e encargada da área de tecnificación da FGM.
A nivel de formación Verónica C. Dopazo é Licenciada en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e Diplomada en Educación Física, ademais de ter un Máster en Nutrición e títulos de Adestradora Nacional de Triatlón e Natación. No apartado físico leva xa varios anos participando en carreiras por montaña, actualmente coa camisola do Vértice Club de Montaña, con numerosas vitorias e podios que a sitúan no máis alto das corredoras galegas na actualidade.
A deportista asume o cargo con ganas e ilusión, para dar continuidade ao traballo comezado xa hai un ano por Estivel Martínez, e seguir asentando as bases do que deberá ser o futuro desta disciplina deportiva que está en pleno auxe.