En portadaÚltima hora

A Feira do Viño de Valdeorras recuperarase o vindeiro mes de xullo

Era unha das decisións tomadas polo Consello Regulador desta D.O. no pleno celebrado esta mañá en Vilamartín

Imaxe dunha edición anterior da Feira do Viño de Valdeorras./ Foto: A.R.

 

O pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, reunido esta mañá, deu luz verde á liquidación orzamentaria e á memoria de actividades de 2021. Tamén se aprobaron as contas para o novo exercicio, que ascenden a 757.897,76 euros. Tal e como sinala José Luis García Pando, o presidente da D.O. Valdeorras, as accións de promoción centrarán gran parte deste orzamento (e nelas investiranse máis de 300.000 euros).

En concreto, unha das accións máis sobranceiras que se ten previsto levar a cabo é a recuperación da tradicional Feira do Viño de Valdeorras, que este ano se desenvolverá con normalidade no mes de xullo logo de dúas edicións nas que tivo que cancelarse por mor da pandemia.

 

Sesión plenaria do CRDO Valdeorras celebrada esta mañá./ Foto cedida.

 

A Coruña, Santiago de Compostela, Alicante, Madrid e Barcelona serán algunhas das cidades que acollan actos promocionais dos viños da comarca. Así, os brancos e tintos valdeorreses poderán degustarse, por exemplo, na Barcelona Wine Week e tamén no Salón Gourmets de Madrid.

Xunto a isto, os viños promocionaranse na London Wine Fair, un dos foros vinícolas máis importantes do mundo, nun stand conxunto no que participará a D.O. Valdeorras xunto ao resto de territorios amparados de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button