CulturaCulturaÚltima hora

Olga Steinepreis gaña o XIV Premio Galicia de Fotografía Contemporánea con “My Mother Doesn’t Work”

Entre as 239 candidaturas procedentes de 40 países, o xurado distinguiu un proxecto que aborda a invisibilidade do traballo doméstico e dos coidados

 

Olga Steinepreis é a gañadora da XIV edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea co proxecto My Mother Doesn’t Work (A miña nai non traballa). A decisión foi tomada polo xurado tras un proceso de avaliación desenvolvido en varias roldas, que culminou cunha deliberación conxunta.

My Mother Doesn’t Work parte dunha experiencia persoal da artista para abordar a invisibilidade do traballo doméstico e dos coidados, tarefas historicamente asumidas polas mulleres e que, malia seren imprescindibles para o sostemento da vida, continúan frecuentemente sen recoñecemento. A través dunha linguaxe fotográfica contemporánea que incorpora o humor, a retranca e elementos da memoria familiar, Steinepreis constrúe un relato que transcende o ámbito autobiográfico e convida a cuestionar as formas en que a sociedade entende e valora o traballo.

 

 

O xurado destacou a “frescura e a agudeza” dunha proposta caracterizada pola liberdade da súa construción visual e narrativa. Un traballo no que a experimentación fotográfica, as referencias irónicas á cultura do arquivo e unha certa dimensión absurda conviven cunha particular sensibilidade para o cotián. A súa capacidade para articular unha reflexión crítica desde unha perspectiva persoal, sen renunciar á complexidade das relacións afectivas, foi especialmente valorada durante a deliberación.

Entre os aspectos salientados polo xurado figura tamén a orixinalidade coa que a artista aborda unha cuestión social que continúa sendo motivo de debate: o recoñecemento do traballo doméstico non remunerado e a carga que este representa para moitas mulleres. O proxecto foi considerado unha proposta directa e necesaria, que aproveita os recursos expresivos da fotografía contemporánea para facer visible unha realidade frecuentemente ignorada.

 

 

Un premio que combina produción, edición e circulación

Ademais de Olga Steinepreis, o xurado da XIV edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea seleccionou como finalistas os proxectos de Delphine Blast, Felipe Fittipaldi, Giles Clarke, Morgan Otagburuagu e Xavier Martin. A selección produciuse tras un proceso de avaliación individual e deliberación colectiva que culminou coa elección do proxecto de Steinepreis.

O xurado estivo integrado, como membros convidados, por Alberto Ruiz de Samaniego, curador, crítico e profesor universitario; Roberto Villalón Vara, fotógrafo, xornalista e director da revista Clavoardiendo; e Vera Carmo, curadora, docente e investigadora. Pola organización participaron Xosé Lois Vázquez, presidente da Asociación Outono Fotográfico, e Vítor Nieves, curador e profesor, ambos coordinadores do Premio.

 

 

En representación das institucións patrocinadoras participaron Encarna Lago, xestora cultural, pola Deputación de Lugo; Xavier Riomao, artista, coleccionista e profesor, pola Universidade de Vigo; e Eva Torres, directora técnica de Espazos Expositivos e Áreas Museísticas do Concello de Ourense, pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Pablo González Prieto exerceu as funcións de secretario do xurado, con voz e sen voto.

O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea contempla a produción dunha exposición individual do proxecto gañador, que se inaugurará en 2027 no Museo Provincial de Lugo e posteriormente itinerará durante dous anos por diferentes localidades de Galiza e Portugal. Inclúe tamén a publicación dun libro a cargo de Difusora de Letras, Artes e Ideas, con distribución en librarías.

Creado en 2013, o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea chega á súa décimo cuarta edición cun modelo que articula apoio á creación, produción artística, curadoría, edición e circulación internacional. Organizado pola Asociación Outono Fotográfico, conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e a Universidade de Vigo, institucións que contribúen á continuidade dun proxecto dedicado á promoción e difusión da fotografía contemporánea e ao establecemento de vínculos culturais entre Galiza, Portugal e outros territorios.

Back to top button