ConcellosTrivesÚltima hora

A figura do trivés Germán Ancochea, un matemático de relevancia internacional, analizada nun libro

Vén de ser publicado pola Real Sociedade Matemática Española e coordinado por Benjamín Macía e José Ángel Cid

Imaxe cedida.

 

Dende a súa biografía ata as súas destacadas aportacións matemáticas. A figura do relevante matemático de orixe trivesa Xermán Ancochea Quevedo (1908-1981) analízase polo miudo e ponse en valor nun completo e riguroso traballo que vén de publicar a Real Sociedade Matemática Española. Este volume de máis de 200 páxinas, titulado “Germán Ancochea Quevedo. Tributo a un pionero de la investigación matemática española”, está coordinado por José Ángel Cid e Benxamín Macía e conta coas aportacións dunha ducia de autores.

Este traballo, con limiar da matemática ourensá Elena Vázquez Cendón, ábrese cun capítulo adicado á biografía de Ancochea Quevedo da autoría de José Ángel Cid e Benjamín Macía, na que se abordan as diferentes etapas vitais do matemático e, seguidamente, dase paso a outro apartado centrado na súa correspondencia cunha escolma das súas cartas con figuras como Hasse ou Jacobson.

O capítulo terceiro, titulado “Don Germán: Maestro y Amigo”, vén da man de Ceferino Ruiz; mentres que no cuarto o historiador trivés Francisco García Sánchez fai unha interesante achega poñendo en relación a Ancochea con Pobra de Trives. Así fala da familia Ancochea e da vila nas dúas primeiras décadas do século XIX, tamén do colexio “Hermanos das escolas cristianas”, do vínculo entre Germán Ancochea e Trives e da creación do IES que actualmente leva o seu nome.

O libro inclúe tamén os textos de Hans Havlicek (“El trabajo de Germán Ancochea sobre proyectividades, preservadores armónicos y semi-homomorfismos), de J.M. Almira (“Aportaciones de Ancochea al Teorema de los ceros de Hilbert”), de Xabier García Martínez (“La descomposición de Jordan-Chevalley en álgebras asociativas unitarias”), de J.M. Ancochea Bermúdez e R. Campoamor-Sturbsberg (“Formas diferenciales y el teorema de Fröbenius”) ou de Carlos Ferreiro García (“Disquisiciones sobre el discurso de Germán Ancochea Estructuras Algebraicas“).

Artigos relacionados

Back to top button