OurenseÚltima hora

A Fundación Blanco Amor celebrará entre novembro e decembro o XL aniversario do pasamento do escritor

A entidade organiza, con motivo desta efeméride, diversas actividades que inclúen o fallo do XXXVIII Premio de novela longa e a tradicional ofrenda floral no cemiterio de San Francisco, unha exposición e unha mesa redonda

Presentación actos conmemorativos do XL aniversario do pasamento de Eduardo Blanco Amor.

 

A Fundación Eduardo Blanco Amor conmemora o XL aniversario do pasamento do autor de A Esmorga cun amplo programa de actividades que inclúe o fallo do XXXVIII Premio de novela longa, a tradicional ofrenda floral no cemiterio de San Francisco, unha exposición e unha mesa redonda.

A presentación das actividades tiña lugar hoxe, 23 de outubro, nun acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense e presidente da Fundación, Manuel Baltar; o director da fundación, Luis González Tosar; e a padroa da fundación, Maribel Outeiriño.

O presidente do goberno provincial dixo que con estas actividades -que se desenvolverán entre os meses e novembro e decembro- “a fundación quere continuar a homenaxear a un dos xigantes das nosas letras, lembrando a súa personalidade, traxectoria, o seu compromiso e a súa obra, poñendo o foco en Blanco Amor como referente literario e tamén no ámbito persoal; un dos grandes da ourensanía”, dixo.

A Fundación Blanco Amor, “unha das máis recentes en canto a fundacións de autor, de escritores relevantes na literatura galega e española”, sinalou Luis González Tosar, naceu coa misión de “reparar o silencio que existía ao redor da figura de Blanco Amor e poñela no lugar que lle corresponde”, explicou, lembrando que “moi poucas cidades teñen a sorte de contar cunha figura literaria que as eleve á alta categoría intelectual das letras, como é o caso de Blanco Amor con Ourense”.

As actividades comezarán o 23 de novembro, ás 13 horas, co fallo da XXXVIII edición do Premio de novela longa Eduardo Blanco Amor, convocado pola Deputación de Ourense e a fundación. Posteriormente, o día 29, ás 12 horas, celebrarase a tradicional ofrenda floral no cemiterio de San Francisco, na que participarán o Centro PEN Galicia, o IES Eduardo Blanco Amor, a Fundación Eduardo Blanco Amor, a Deputación de Ourense, o Concello de Ourense e a Xunta de Galicia. O 30 de novembro, ás 12 horas, as actividades trasladaranse ao Centro Cultural Marcos Valcárcel, onde terá lugar a inauguración da exposición “Pervivencia e actualidade de Eduardo Blanco Amor. Debuxos de Siro e mostra bibliográfica de Carlos Laiño”. Ese mesmo día, ás 20:30 horas, o Liceo de Ourense acollerá a cea literaria de entrega do XXXVIII premio de novela longa Eduardo Blanco Amor.

O 12 de decembro, ás 19horas, celebrarase no centro cultural unha mesa redonda baixo o título “Eduardo Blanco Amor 40 anos despois”. E, como peche das actividades, o 16 de decembro, ás 12 horas, terá lugar a presentación do catálogo e o peche da exposición.

Artigos relacionados

Back to top button