CulturaCulturaÚltima hora

A gala do Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán celebrarase por primeira vez no Bolo

Será o sábado 26 de outubro no Castelo e nela darase a coñecer ao gañador desta V edición

 

O gañador do V Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán coñecerase na gala de entrega do galardón que terá lugar o próximo sábado 26 de outubro no castelo do Bolo. Será un evento que comezará no Museo Yosso ás 18 horas, continuando cun pequeno paseo ata o recinto amurallado con algunha sorpresa polo camiño. Unha vez no castelo, os finalistas do premio presentarán os seus poemas e coñecerase ao gañador.

Os tres autores e poemas finalistas son Aleixandre Lago (A Coruña, 1992) co poema Meditación sobre Patinir, Daniel Barral (Vigo, 1997) con Visões de Gideão, e Benjamín Vidal (Baiona, 1996) co texto Sinal, corpo. No evento, ademais deles contarase coa presenza dos membros do xurado e estará conducido polo actor valdeorrés Paco Campos. Ao finalizar, público, convidados e poetas compartirán un viño e uns petiscos de outono.

 

 

Será a primeira vez que este evento, que xa se ten celebrado no Barco, na Rúa e en Vilamartín, chegue a terras bolesas, amosando a estratexia da Fundación por visibilizar a máis artistas da comarca e ampliar a súa repercusión a todos os seus municipios. Dende a súa creación, a institución foi sumando apoios institucionais e xa conta co respaldo dos Concellos do Barco, Vilamartín, Petín, A Rúa, O Bolo e Larouco, estando en conversas con Rubiá, Carballeda e máis A Veiga para a posible sinatura dun convenio de colaboración. A actividade da Fundación, incluindo a convocatoria deste Premio, conta co apoio económico da Deputación de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button