OurenseÚltima hora

A Garda Civil e a Policía Nacional formularon 280 propostas de sanción na provincia na última semana por incumprir as medidas

Os seus operativos permitiron identificar a 9.674 persoas e controlar 7.721 vehículos entre o 17 e o 23 de febreiro, segundo a Subdelegación do Goberno

Imaxe da reunión de hoxe do Centro de Coordinación (CECOR) provincial na Subdelegación do Goberno en Ourense.

 

O Centro de Coordinación (CECOR) provincial establecido para o seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria celebraba este martes unha nova xuntanza, presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso.

No encontro, celebrado na Subdelegación do Goberno, participaron responsables da Garda Civil, da Policía Nacional, da Policía Autonómica, da Policía Local de Ourense e representantes da Subdelegación do Goberno e da Xunta de Galicia, que avaliaron o traballo realizado na última semana polas forzas e corpos de seguridade e analizaron as novas medidas dispostas polo Goberno autonómico.

Dende o pasado día 17 e ata o 23 de febreiro, a Policía Nacional e a Garda Civil despregaron na provincia de Ourense un total de 572 dispositivos de vixilancia. Durante estes operativos, os axentes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado identificaron a 9.674 persoas e controlaron 7.721 vehículos, segundo informaba Emilio González. Ademais detallaba que nos últimos sete días a Garda Civil e a Policía Nacional formularon un total de 280 propostas de sanción debido ao incumprimento das restricións establecidas pola Xunta.

Así mesmo, na xuntanza do CECOR estableceuse a modulación dos dispositivos das forzas e corpos de seguridade a partir da entrada en vigor o próximo venres, 26 de febreiro, das novas medidas anunciadas polo Goberno autonómico. Estes operativos centraranse na vixilancia do peche perimetral dos concellos incluídos no nivel 1 de restricións, no control de horarios e de aforos dos sectores afectados pola normativa, así como na comprobación do uso obrigatorio da máscara e do cumprimento do resto das normas establecidas.

O subdelegado do Goberno indicou que na reunión tamén se acordou o reforzo do control nocturno, posto que a limitación da mobilidade nocturna en Galicia mantense entre as 22:00 e as 06:00 horas. Lembrouse que unicamente se poderá circular pola vías ou espazos de uso público nese horario para a realización das actividades previstas no Real Decreto 926/2020, que inclúen as obrigas laborais ou a asistencia a centros sanitarios, entre outras.

Emilio González destacou o traballo realizado na provincia pola Garda Civil e pola Policía Nacional, en coordinación coa Policía Autonómica e as Policías Locais, para asegurar o cumprimento das restricións fixadas polas autoridades sanitarias. Por último, o subdelegado do Goberno quixo apelar, unha vez máis, á cidadanía para que siga actuando con cautela e responsabilidade, cumprindo a normativa establecida para frear a expansión do virus na provincia.

Artigos relacionados

Back to top button