CulturaCulturaÚltima hora

A historia de María Casares e Albert Camus, no Teatro Lauro Olmo do Barco, este venres

Manarte Producciones presentará a partir das 21h. a obra "Política sentimental"

 

O vindeiro venres 16 de decembro ás 21 horas no Teatro Lauro Olmo a compañía Manarte Producciones representará  “Política sentimental”, con dirección de David Loaysa. A obra discorre na etapa da ocupación nazi do territorio francés, a partir de 1940, momento no que se produce o encontro de dúas grandes personalidades do panorama cultural da época: a galega María Casares e Albert Camus.

“Os anos 40 son auxe e colofón das vangardas europeas. Albert Camus, un dos máis notables representantes do existencialismo francés, conflúe coa actriz galega e filla de Casares Quiroga, un dos maiores expoñentes da II República. O exilio propicia o encontro de María Casares coa Resistencia francesa e a vangarda artística do momento, que a consideraba icona e musa na que plasmar as súas obras. Ao asumir María Casares o papel protagonista na obra “O Malentendido” no ano 1942, marca o inicio dunha prolífica e intensa relación persoal e profesional entre ambos os protagonistas, que se prolongará ata o falecemento do autor en 1960″, comenta a compañía.

“Política sentimental”, con texto de Javier Villán, estará interpretada por Sabela Hermida como María Casares e Germán Torres como Albert Camus. Trátase dun “diálogo testemuñal e poético no que se debullan vivencias e acontecementos: teatro, guerra, amor, literatura, exilio, República, poesía, filosofía, Galicia, liberdade, existencialismo, vida…”.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button