En portadaÚltima horaVídeos

A I Feira Irmandiña centra a programación festiva no concello do Bolo para o mes de agosto

Será o luns 14 de agosto de 11 a 21 horas con postos de produtos locais na praza, xogos infantís visitas guiadas ao Castelo

 

O concello do Bolo afronta o seu mes festeiro por excelencia, cunha ampla programación lúdica e cultural, non só para os seus veciños e visitantes senón para todas esas persoas que viven o resto do ano en lugares como Cataluña, País Vasco, Francia, Suíza ou Alemaña e volven a casa en agosto.

“As comisións de veciños esfórzanse en contratar orquestras e actividades para os nenos e contan co apoio do Concello na medida do posible”, aseguran dende o Concello onde na mañá deste xoves 27 de xullo, tiña lugar a presentacion por parte do socialista Alberto Vázquez, acompañado polos membros do grupo de goberno Vicente Sabín (PSdeG-PSOE) e Miguel Ángel García (Somos O Bolo) adiantando que organizaron actividades a maiores que “contribúan ao conecemento desta vila mailos seus produtos”.

 

 

Este é o caso da l Feira Irmandiña do Bolo que se celebrará o 14 de agosto de 11 a 21 horas, co obxectivo de “impulsar o coñecemento da historia e cultura deste concello e dos seus produtos tradicionais” e ao mesmo tempo “atraer máis visitantes a este municipio e poder xerar tanto movemento social como económico”. A idea parte dun feito singular que ocorreu no castelo no século XV, o asalto á fortificación por parte dos Irmandiños, que provocou a destrución de parte da edificación e a súa posterior reconstrución. Esta é unha parte da historia deste castelo pouco coñecida e única na comarca de Valdeorras, que dende o concello queren promocionar e poñer en valor.

 

 

Nesta primeira edición, aproveitando “recursos como o Castelo e a praza”, en palabras do alcalde, porase en marcha unha feira dunha ducia de postos con produtos tradicionais da vila e da comarca (viño, aceite, mel e embutidos). Tamén haberá algún posto de artesanía e mesmo estarán os Bois de Mario para animar o ambiente. Tal como explicaron na presentación, os postos estarán abertos durante todo o día na praza ao lado do castelo; dentro do recinto amurallado instalarase un posto de comida; e nos arredores haberá xogos para os nenos. “Tamén estará presente a música con cantos de taberna tradicionais. Ademais faranse visitas guiadas de balde ás 11, 13:30, 18 e 19:30 horas nas que se contará a historia dos Irmandiños así como a súa actuación neste castelo”, adiantan, animando aos visitantes a “vir vestidos de época para sentirse como os señores e irmandiños na Idade Media”. Ademais “estamos ultimando un xantar no patio de armas, pensando nun menúa a base de arroz con androlla”, adiantou Alberto.

Pola súa banda o tenente alcalde destacou a calidade dos produtos (xamón, chourizo, mel,..). “Temos uns produtos moi bos polo que queremos que todos aquel que asista á feira poidan degustalos e coñecelos. Parécenos que a feira é o marco ideal e unha boa iniciativa para animar tamén a outros produtores que terán o apoio do concello”, dixo Miguel.

 

Cartel da I Feira Irmandiña do Bolo.

 

Este será o prato forte dunha ampla programación festiva ao longo e ancho do municipio, destacado as patronais da capital que se celebrarán do 12 ao 15 de agosto. O sábado día 12 ás 14h. haberá Paella Popular e degustación de xamón no pavillón do Bolo. O día 14 é a I Feira Irmandiña e os días 15 e 16 as Festas da Asunción no Bolo coa actuación do Grupo Yucatán (15) e Orquesta Galilea (16) en sesión de tarde e noite ao lado do pavillón multiusos.

Para o día 17 ás 19:30 horas está prevista a IV Andaina nocturna “Ruta entre cerdeiras e castelos”; e o día 19 ás 21 horas haberá unha visita teatralizada ao Castelo do Bolo, entre outras actividades.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button