
A igrexa de Santa María dos Remedios de Larouco acollerá, o vindeiro 27 de decembro a partires das 18:30 horas, o tradicional concerto de Nadal a cargo da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. Trátase, tal e como o definiu o director da Área de Cultura da institución provincial, Marcos Vázquez, “un dos símbolos indiscutibles do Nadal en Ourense”, transmitíndolle en nome do presidente provincial, Luis Menor, os parabéns aos membros da Escola Provincial de Gaitas e da Real Banda, “por levar a cabo un labor encomiable”.
Na presentación deste concerto participaron tamén o bispo da Diócese de Ourense, Leonardo Lemos; a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela; e o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo.

Monseñor Leonardo Lemos quixo agradecerlle á Deputación e á Real Banda de Gaitas “a recuperación e posta en valor de fermosas pezas de Nadal que son parte da nosa historia”. Tamén quixo expresar o seu desexo de que “a realidade do Nadal faga medrar en nós a fraternidade que tanta falta fai para sanar o mundo”, excusando a súa ausencia o día do concerto “ao que espero si acuda D. Jesús xa que aí está o límite das dióceses”.
A alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, agradeceu a escolla do seu municipio para este concerto, “pois escoitar á Real Banda de Gaitas impresiona sempre, e máis se é na igrexa de Santa María dos Remedios”.

Pola súa banda, o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo, lembrou que dentro da filosofía da Escola Provincial de Gaitas “atópase homenaxear a unha das voces máis importantes de Galicia: a de Blandina González Rodríguez, cantora de Cotarós-Trives”. Foxo tamén recalcou que con este concerto, “Larouco será a capital da música de Galicia” e anunciou que tamén se emitirá por streaming “para transmitir a mensaxe, a alegría e o coñecemento desta importante acción cultural”.

Comezará coa Marcha Procesional de San Faustino Míguez que a Real Banda interpretou no Vaticano e incluirá a actuación de varias cantoras da zona como Jacinta de Lentellais, Isabel de Arcos, Rogelio de Aceveda, Fiuca… Ademais de Lucía Pérez, Xabier Vizcaíño e a Coral Candea de Viana do Bolo.



