O deporte e a solidaridade danse a man unha vez máis na Rúa. A carreira e andaina contra o cancro da Rúa quenta motores, preparándose para a III edición que se celebrará o domingo 6 de maio pola mañá.
Con saída e meta na Estación de Autobuses, o percorrido será totalmente chairo, duns 7 km, pola ribeira do Río Sil e un tramo urbano. Está organizada polo Club Atletismo Rúa coa colaboración de comercios de todo Valdeorras (Gadis, Gaseosas Roca, Trisport,…), do Concello da Rúa e Protección Civil.
Tal como avanzan dende a organización contarán cun padriño (destacable musicalmente) e haberá sorteo de agasallos dos establecementos colaboradores en torno ás 13:30h.
Quen desexe participar pode inscribirse (10 euros) na web www.carreirasgalegas.com e nas tendas Trisport da Rúa e do Barco. A recadación será donada á Asociación Española Contra o Cancro.