
Co obxectivo de achegar a arte á xente, nun entorno privilexiado, nacía MARCO Petín, unha mostra de artistas da comarca que nesta fin de semana celebrará a IV edición.
“Trátase dunha aposta decidida pola promoción da arte no rural, polo apoio e impulso dos artistas do noso entorno onde a combinación de obras, artistas, entorno, veciños e visitantes conforman unha experiencia artística irrepetible”, aseguran dende a organización que nesta ocasión conta con cinco artistas de diferentes partes da comarca e diferentes estilos: Cochorro de Rubiá, Chus González do Barco, José Luis Prieto (Lilí) natural de Santa Cruz (O Bolo), Iván Prieto do Barco e Reme Remedios natural de Romiña (Casaio); e dúas xoves promesas: Alba Aizpuru de Petín e Clara Quiroga da Rúa.
As súas obras estarán expostas nas rúas do casco vello de Petín do 18 ao 20 de agosto en horario de 20 a 23 horas, pero o acto inaugural será mañá, venres día 18, ás 19 horas no Teleclub e contará coa ponencia de Tarsicio Fernández Molina, membro fundador dos Escarbadores e membro do Instituto de Estudos Valdeorreses, que falará sobre a comarca e a importancia dun evento cultural como MARCO nun entorno rural. Ao acto de apertura tamén asistirá a deputada provincial delegada especial para Valdeorras, Mª Carmen González Quintela (alcaldesa de Carballeda de Valdeorras).