DeportesKárateÚltima hora

A karateka barquense Lucía Herrero participará esta fin de semana no seu primeiro campionato de España sub21

Lucía Herrero Valcarce durante un adestramento no Barco. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

Aínda que a delicada situación da pandemia obrigaba á Federación Galega de Karate a suspender o campionato galego cadete, júnior e sub21 previsto para finais do mes de outubro, unha visible melloría do panorama sanitario a nivel xeral permitía manter a cita nacional. Así esta fin de semana, do 27 ao 29 de novembro, celebrarase no polideportivo Ciudad Jardín, en Málaga, o campionato de España.

Trátase dunha das citas máis importante para os karatekas españois e entre os 22 deportistas galegos que participarán, estará a barquense Lucía Herrero Valcarce (KC River Stone) que combatirá na modalidade de kumite sub21 -55 kg. O de Málaga será o seu primeiro campionato de España na categoría sub21, aínda que xa ten participado en varias ligas nacionais, polo que Lucía espera poder subir ao podio pero sen presións. “Esta sendo un ano raro e este campionato sempre é diferente ás ligas e incluso podería dicirse que hai un pouco de máis nivel, porque con isto do Covid hai moita xente boa que non se quixo arriscar nas ligas pero si se presenta a este campionato, así que veremos como vai a cousa”, asegura esta deportista que por traballo e empeño pode chegar moi alto.

Debido ás medidas sanitarias derivadas da pandemia, dende a organización informan de que non poderá entrar público ao polideportivo pero poderase seguir o campionato a través da canle de YouTube da RFE Karate.

 

Artigos relacionados

Back to top button