No campionato galego de karate non ten rival. Un día despois da concentración coa selección española en Palma del Río, a deportista barquense Lucía Herrero Valcarce (KC River Stone), volvía subir ao podio en Ferrol, desta volta coa medalla de ouro en kumite na categoría sub21.
Este ano, debido á situación sanitaria pola pandemia, as competicións deportivas están suxeitas a moitos cambios e incluso cancelacións. No caso do karate, o campionato galego cadete, júnior e sub21 estaba previsto inicialmente para o 30 de novembro, pero as restricións en Galicia non permitiron celebralo nesa data, quedando aprazado para este domingo 6 de decembro.
E hoxe, Lucía chegaba a Ferrol despois de pasar tres días na localidade cordobesa de Palma del Río onde participou no proxecto mundial Concentración de Kumite Equipos Cadete/ Júnior/ Sub21. Alí adestrou e participou no XI Torneo de Seleccións, despois de quedar ás portas do podio no campionato de España celebrado a finais de novembro. No nacional quedaba ás portas do podio, pero no galego subía ao máis alto.