SanidadeÚltima hora

A lactación e a volta ao traballo, analizada no Barco

Lorena Prada impartía unha conferencia dentro do programa da 9ª Semana da Lactación Materna desta vila

 

Coa lectura do manifesto da Semana Mundial da Lactación Materna do 2021, baixo o lema “Protexer a lactación materna. Un compromiso de todas/os” comezaba a charla “Lactación e traballo. Un reto asumible…sempre?”, na tarde deste mércores 6 de outubro no Barco. Esta sesión, que corría a cargo de Lorena Prada (IBCLC e membro da Comisión de Conciliación, Igualdade e Lactación de Fedalma), formaba parte do programa da 9ª Semana da Lactación Materna barquense, que promove a Asociación De Nai a Nai.

Prada iniciaba a súa intervención partindo da súa experiencia persoal como nai, explicando as dificultades que se atopou para poder conciliar a lactación materna dos seus dous fillos coa volta ao traballo. Un proceso no que comezou a documentarse sobre os dereitos laborais existentes nesta materia. Ademais daba conta do traballo realizado ao longo do último ano dende Fedalma (Federación Española de Asociacións Pro-Lactancia Materna) que supuxo, entre outras cuestións, a actualización da “Guía Xurídica de Lactación 2021”, que recolle información específica sobre os dereitos laborais das traballadoras autónomas, así como unha serie de preguntas novas, coa súa correspondente resposta xurídica.

Tamén expoñía as estratexias ou opcións das que dispón a muller, cando volta ao traballo, para poder conciliar a lactancia co seu posto laboral, comentando cuestións como os riscos laborais en relación coa lactación materna. “A protección laboral da lactancia materna é un tema de igualdade”, indicaba Lorena Prada, que tamén reflexionaba sobre as carencias da lexislación actual en materia de conciliación laboral e de protección da maternidade.

Tras esta conferencia, que tiña lugar no local da Asociación De Nai a Nai no Barco, o programa da 9ª Semana da Lactación Materna continuará a partir do 14 de outubro, no edificio multiusos do Barco, co curso “Lactación Materna para profesionais sanitarios, teórico – práctico, Nivel I”. Esta acción formativa desenvolverase coa colaboración do Concello do Barco de Valdeorras. É un curso organizado por De Nai a Nai, con axuda de María Elisa Lamelas, matrona do Hospital Público de Valdeorras.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button