En portadaÚltima horaVídeos

A lingua centra a terceira sesión das Xornadas Florenciófilas celebrada no Barco de Valdeorras

Rosario Álvarez, Concepción Álvarez e Francisco Cobo eran os protagonistas da mesa

 

O aspecto lingüístico da obra de Florencio Delgado Gurriarán, centraba na tarde deste sábado 19 de novembro a terceira e penúltima sesión das xornadas coas que o proxecto As Letras de Florencio pon o ramo ao Ano Florencio Delgado Gurriarán. Un programa que se desenvolve nesta fin de semana na Rúa, Petín, O Barco de Valdeorras e Rubiá para facer partícipe a toda a veciñanza que se implicou na reivindicación da memoria do poeta e veciño.

As Xornadas Florenciófilas reúnen unha ducia de voces para profundar no legado do autor ao que a Real Academia Galega lle dedicou o pasado Día das Letras Galegas (que cede o testemuño este 2023 a Francisco Fernández del Riego) facendo balance do que deu de si este ano na visibilización dunha figura central do exilio galeguista en México e das letras e do galego de Valdeorras.

 

Rosario Álvarez.

 

Divididas en catro bloques temáticos a celebrarse en catro puntos da comarca (mesa literaria na Rúa, mesa da historia en Petín, mesa da lingua no Barco e mesa das artes en Biobra, Rubiá), a sesión desta tarde tiña lugar na Casa do Río Cigüeño contando coa intervención de tres expertos: Rosario Álvarez, Catedrática e presidenta do Consello da Cultura Galega; Concepción Álvarez Pousa, Doutora en Filoloxía Galega e Lingüista; e Francisco Cobo, investigador e Catedrático de Secundaria.

Trala presentación da mesa por parte do alcalde do Barco, Alfredo García, que daba a benvida aos asistentes e aos conferenciantes, recoñecendo o orgullosos que se senten por ter conseguido o Día das Letras Galegas para o poeta valdeorrés adiantando tamén que “o traballo con e por Florencio continuará máis alá deste 2022”, a moderadora, Cristina de la Torre daba paso a Rosario Álvarez, a primeira da tarde en falar da lingua de Florencio, centrando o seu discurso nos conceptos de raíces, tradición e universalidade “que resumen o  tipo de lingua que ofrece Florencio”, dixo. A presidenta do Consello da Cultura Galega asegurou que “cada un de nós temos unha biografía lingüística diferente, un patrimonio propio e non hai dúbida de que Florencio Delgado Gurriarán é de Valdeorras por todo do que fala incluso a nivel lingüístico”, recoñecendo que “non é un escritor enxebrista senón un home do seu tempo, cun proxecto de futuro, aberto á universalidade e á modernidade sen perder as raíces”.  Antes de ceder o paso á seguinte ponente, Rosario lanzou unha mensaxe. “Florencio quería facer un dicionario valdeorrés e esa é unha débeda que temos con el. Un labor comunitario moi interesante, necesario e non imposible”, dixo.

 

 

A vianesa Concepción Álvarez Pousa, colaboradora do Periódico O Sil, centrou a súa intervención nas cepedeiras e soutelos, no conxunto da lingua da obra florenciana vinculada á súa terra”, asegurando que no ano 2019, participou nun ciclo de conferencias sobre Florencio en distintas adegas da comarca cando As Letras de Florencio reivindicaban o espazo cultural para o poeta de Córgomo no podio das Letras Galegas, “hoxe as Letras de Florencio son por fin unha realidade”. Na súa conferencia Concepción asegurou que ao longo da súa produción literaria tratou varios temas que eran da súa inquedanza e que transmite no conxunto dos seus versos, “a denuncia das desigualdades e das inxustizas da sociedade galega, que posteriormente chegará converterse nunha sátira combativa contra os opresores centrada na Guerra Civil e a posterior ditadura franquista; a crítica contra aqueles que renegan de falar galego e fan uso dun castelán mal falado, o castrapo; a reivindicación da identidade de Galicia; o eloxio e loanza das tradicións  e costumes propios do pobo (a vendima,  a malla, a matanza, as vodas, os enterros, as pandeiradas, as muiñadas, os gaiteiros, as tabernas ou os nomes de lugar)”. Con todo, a parte máis substancial da súa obra, segundo dixo Concepción está caraterizada pola “exaltación da natureza coa personificación de varios elementos, onde as árbores, os camiños, os ríos, as herbas ou os soutos, cobran vida, cos que se consagrou como poeta do viño e do val”, dixo analizando os aspectos fonéticos, morfolóxicos e léxicos dos versos, destacando que “Florencio foi un autor que camiñou decotío pola lingua da súa terra, achegando o característico da montaña e do ámbito labrego, alentado pola natureza, a paisaxe e a fala que o acompañaba e que levou á escrita literaria outorgándolle ao galego o título de lingua universal”.

 

Concepción Álvarez Pousa.

 

A terceira intervención da tarde era a do barquense Francisco Cobo, quen expuxo a súa opinión sobre a reedición dos poemarios de Florencio e como se aborda dende o presente. A peor parada foi a feita por Galaxia na que Cobo asegurou que “atopei moitos fallos con respecto ao orixinal sobre todo de Galicia Infinda, alterada totalmente”. Pola contra, da reedición feita por Xosé Ramón Pena dixo que malia “algunha metedura de pata, é bastante digna. Non altera aínda que si moderniza”, concluíu.

 

Francisco Cobo.

 

O simposio concluirá finalmente a mañá do domingo día 20 de novembro ás 12 horas coa mesa das artes que acollerá o centro de interpretación do parque natural Serra da Enciña da Lastra, en Biobra (Rubiá). Para esta última charla, a actriz Raquel Queizás, o produtor Domingo D. Docampo e o músico Ramiro Núñez falarán das distintas adaptacións da vida e obra de Florencio a diferentes soportes e formatos como o teatro, o audiovisual ou a música.

Ao rematar cada unha das mesas, os asistentes puderon gozar dunha degustación dos produtos gastronómicos máis representativos da comarca. No caso da mesa desta tarde no Barco, os asistentes degustaron viños das adegas Roandi e Godeval así como empanada de maravallas, aperitivos e bica.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button