ConcellosManzanedaÚltima horaVídeos

A mellora da eficiencia enerxética e a dixitalización en Manzaneda, abordadas nunha visita do subdelegado do Goberno

Emilio González achegábase hoxe a esta vila e mantiña unha reunión co seu alcalde

 

Ata Manzaneda desprazábase este luns o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, quen mantiña un encontro co alcalde deste municipio, Amable Fernández, para abordar os plans de axudas previstos polo goberno central neste concello e recoller as súas demandas e opinións. Emilio González reafirmou o compromiso do Goberno pola transición verde e a dixitalización dos concellos do rural, con investimentos que, en Manzaneda, chegan case aos 400.000 euros a través de tres ministerios.

Emilio González puxo Manzaneda como exemplo da aposta do Goberno polos pequenos concellos, “que están chamados a ser protagonistas da transformación de España cara un país verde, dixital, sostible e cohesionado, para acadar os obxectivos do reto demográfico”. Neste senso, o Concello de Manzaneda está en proceso de mellora da enerxía fotovoltaica dos edificios municipais grazas aos 64.000 euros de investimentos que recibiron a través do programa DUS 5000 do Ministerio de Transición Ecolóxica para proxectos singulares en municipios do reto demográfico.

 

 

Na mesma liña de transición verde, o subdelegado incluíu a axuda concedida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Instituto para a Diversificación da Enerxía IDAE. Esta axuda ascendeu a 324.384 euros e con ela o goberno local afronta a mellora enerxética do alumeado municipal deste Concello. A actuación, que se atopa neste momento na súa segunda fase, consistiu na substitución de luminarias de tipo tradicional por luminarias tipo LED de maior rendemento e eficiencia, xunto coa susbtitución de cadros de mando.

 

Cobertura de internet de alta velocidade

Emilio González tamén avanzou o impacto dos investimentos en dixitalización que está a executar o Goberno, a través do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, e que tamén chegará a Manzaneda. Esta acción forma parte do Programa UNICO-Banda Ancha, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno.

 

 

Detallou que o Programa UNICO-Banda Ancha facilitará a conexión de banda ancha con velocidade ultrarrápida a 1500 vivendas e empresas de Manzaneda, o que na práctica, supón a completa dixitalización do territorio municipal dotándoo de acceso con velocidades de 300Mbs. “Temos previsto que no 2024 chegue internet ao 100% do concello. Na reunión tamén valoramos que os autónomos e as Pemes deste municipio poidan ter acceso ao bono do Kit Dixital para que se dixitalicen e poidan ter outro tipo de relación comercial”.

 

 

Coñecendo a realidade de Manzaneda in situ

Así mesmo, o subdelegado daba traslado á Corporación tanto do plan rural de Correos que permitirá achegar os trámites das oficinas de Correos aos domicilios, como da creación no rural de Oficinas de Xustiza coa que se lle dará visibilidade aos xulgados de paz e poderán realizar funcións sen que os habitantes do rural se teñan que desplazar impulsando así a dixitalización e habitabilidade dos servizos do rural.

Pola súa banda, o alcade de Manzaneda, Amable Fernández, agradecía esta visita do subdelegado do Goberno xa que “cando unha persoa que ten potestade se achega ata aquí todo flúe mellor, porque lle permite ter constancia e coñecer in situ e en directo os problemas do noso municipio”.

 

 

Así mesmo, o rexedor indicaba que dende o grupo do goberno municipal “estamos tratando de darlle un impulso en materia de redes de comunicación a Manzaneda. Temos axudas tamén do IDAE algunha concedida que se fará proximamente, outras solicitadas, que esperemos que se resolvan favorablemente para ir mellorando o noso concello”.

Artigos relacionados

Back to top button