CarballedaConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

A mellora do firme da estrada de Casoio a Riodolas (Carballeda) suporá 708.000 euros de investimento

Con esta actuación, considerada estratéxica pola Xunta, búscase facilitar a mobilidade dos traballadores do sector valdeorrés da lousa, así como impulsar o turismo industrial na zona, entre outros obxectivos

 

A entrada de Casoio (Carballeda de Valdeorras), xunto á estrada que comunica esta localidade con Riodolas, dábase a coñecer ante a veciñanza o proxecto que reforma ese tramo da vía co fin de facela máis segura. Era nun acto que contaba coa asistencia do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; que estaba acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto; e pola alcladesa de Carballeda, María Carmen González; así como por representantes do Clúster da Pizarra de Galicia.

 

 

Esta vía de comunicación dá acceso a numerosas canteiras de lousa que abastecen de materia prima as empresas de elaboración e transformación deste sector situadas no municipio. A través das axudas do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local (FCL) destinadas a investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico, o Goberno galego achega a esta actuación máis de 354.000 euros, a metade do investimento total, superior aos 708.000 euros. A intención é que teña unha execución de 12 meses, polo tanto, que estea rematada nun ano, segundo indicaba o conselleiro.

 

 

“Este  proxecto,que se vai executar ao longo do ano 2026, foi un dos 19  que resultaron beneficiarios o ano pasado dunha subvención (que contou cunha dotación de 8,5 millóns de euros) para proxectos estratéxicos. Optaban a ela preto de cen proxectos en toda Galicia e só 19 conseguiron saír adiante é un deles é o que presentou o Concello de Carballeda de Valdeorras”, explicaba o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo. Ademais, resaltaba que se trata dun proxecto “que ten non só unha implicación local, senón tamén comarcal, xa que afecta a un dos sectores principais da provincia de Ourense, como é o da minería da lousa, por ser unha estrada pola que pasan non só os vehículos do sector da lousa, senón moitos veciños ao longo do día e de traballadores que van a estas canteiras e, polo tanto, a reparación deste vial ao longo dunha lonxitude de 3 km era fundamental por motivos de seguridade e por necesidades”.

 

 

A través da liña de apoio a proxectos estratéxicos, proseguía Diego Calvo, “o Goberno galego apoia o impulso de iniciativas que transcenden o ámbito municipal e que contribúen a fomentar a economía e a industria dos concellos galegos e a transformar de maneira transversal outros ámbitos como o turismo, o deporte ou o medio ambiente”.

Ademais, o conselleiro de Presidencia lembraba que esta subvención “súmase a unha serie de axudas que dende a Consellería de Presidencia temos co Concello de Carballeda. Así este ano levamos a cabo unha obra de eficiencia enerxética no propio edificio da Casa Consistorial, cun investimento duns 50.000 euros e tamén asinamos a semana pasada un convenio para todas aquelas infraestruturas que resultaron danadas durante os incendios do pasado verán, tamén de 47.000 euros”.

 

 

 

Pola súa banda, a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González, amosaba a súa satisfacción por levar adiante esta obra, “agradecendo moitísimo, tanto a directora xeral, que sempre ten en conta as peticións do Concello de Carballeda, como ao conselleiro que hoxe vén a que cumpramos un soño: que nesa estrada se poida circular con moitísima máis seguridade”.

A rexedora incidía en que esta esta actuación “é un proxecto estratéxico, porque esta estrada vertebra o concello e, polo tanto, a comarca de Valdeorras porque a min dame moito medo que a estrada xa case se reduce a un só carril e os traballadores que cada mañá teñen que usala para vir ao seu traballo, pois tratamos de que o fagan nas condicións máis seguras posibles. É unha estrada que vertebra, que dará seguridade, moi transitada e hoxe é un día moi feliz para o Concello de Carballeda por esta axuda tan importante que nos dá a Xunta de Galicia”. Así mesmo, lembraba que esta estrada “é moi usada polos veciños porque comunica cunha zona extraordinaria e natural, que é a zona de Soutadoiro e Ricosende, e á Veiga, polo tanto síntome feliz”.

 

 

 

María Carmen González mencionaba tamén os outros apoios que recibía o Concello de Carballeda neste ano, como o destinado a “facer o envolvente da Casa Consistorial, que quedou moi ben, e xa leva o conselleiro aí para ler de aquí a Santiago algo máis para o ano que vén e tamén tivemos as axudas da área de descanso de Fonte da Cova e da Ruta do Teixadal, que resultaron afectados nos incendios forestais”.

 

 

Liña de axuda a proxectos estratéxicos 2025

Diego Calvo destacou que no conxunto de Galicia hai 19 novas iniciativas beneficiadas na convocatoria de 2025, que contou cunha dotación de 8,5 millóns de euros. A elevada demanda que tivo nas dúas primeiras convocatorias e a súa importancia estratéxica para os concellos levou a Xunta a reforzar o seu orzamento para 2026 ata os 10 millóns de euros.

No conxunto das axudas deste ano destacan as actuacións relacionadas con melloras e creación de instalacións deportivas. É o caso das outras dúas propostas ourensás beneficiadas, correspondentes a Toén, onde se creará un novo campo de fútbol de herba artificial, e a Barbadás, que actuará no polideportivo municipal. No que respecta ás outras provincias, dotarase o entorno do río Mao, en Bóveda, de instalacións para a práctica deportiva, entre outras actividades, para convertelo nun espazo de referencia comarcal de lecer activo e da práctica deportiva ao aire libre e crearase un espazo deportivo especializado en tríatlon e remo en Cedeira.

 

Cedida.

 

Prevense tamén melloras de seguridade e de adecuación á competición en instalacións da Pastoriza, e traballos de adecuación no pavillón de San Marcos, en Abegondo; no complexo deportivo Montegolf en Arteixo, que realizou petición conxunta coa Coruña e Culleredo; no complexo deportivo de Tarela, en Porto do Son; no complexo deportivo Álvaro Pino de Ponteareas; así como as melloras das infraestruturas municipais deportivas presentadas polos municipios pontevedreses de Valga e Vilanova de Arousa.

Entre os proxectos estratéxicos beneficiarios inclúense a maiores outras reformas na Casa Consistorial e na contorna do concello da Laracha, na Escola de Música de Silleda, na praza do Campo de Zas, no parque multiocio da Pesqueira de Mos, así como as rehabilitacións da sede da Mancomunidade de Ordes e do centro loxístico multiservizos da Mancomunidade do Salnés. A relación de iniciativas beneficiarias complétase recuperación paisaxística dos Baños de Ermelo e Sabaxáns, en Mondariz.

Fotos: A.R.

Vídeos: O SIL.

Back to top button