OurenseÚltima hora

A MIT de Ribadavia cumpre 40 anos como “evento esencial na evolución escénica de Galicia”

O conselleiro de Cultura participa no acto de inauguración do festival, que se desenvolverá ata o 27 de xullo con máis dunha vintena de propostas artísticas en cartel

 

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe no acto de inauguración da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, que cumpre na actual edición o seu 40º aniversario e á que se referiu como evento esencial na evolución escénica de Galicia durante estas últimas catro décadas. O representante do Goberno galego, que acudiu ao acto acompañado polo delegado territorial en Ourense, Manuel Pardo, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, sinalou tamén o compromiso co teatro en galego, o labor de difusión das últimas tendencias e linguaxes sobre as táboas e a súa faceta produtora de espectáculos como principais valores dun encontro que traspasa fronteiras e que ten na cultura, a historia e o humor os seus eixos vertebradores.

O titular de Cultura puxo a cita de Ribadavia como paradigma do encontro multidisciplinario e aberto a todos os públicos, ao tempo que lle recoñeceu o seu papel determinante no nacemento e evolución do teatro profesional galego, como berce da Xeración Abrente nos anos 70 e a través da organización continuada de premios e actividades formativas e de intercambio de ideas que están a contribuír na actualidade ao fortalecemento do sector.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, tamén participaba na inauguración da 40ª edición da Mostra Internacional de Teatro que, segundo afirmou, “fortalece a capitalidade de Ribadavia “como referente galego e nacional no mundo do teatro”. Luis Menor puxo en valor a longa traxectoria deste “evento consagrado no panorama cultural da nosa provincia” froito “do traballo e implicación de numerosas persoas comprometidas coa nosa cultura, pero tamén co noso territorio”, porque tal e como dixo o presidente provincial “a MIT non se entendería noutro lugar que non fora na capital do Ribeiro”.

 

 

Así mesmo, Menor destacou a importancia da cooperación entre institucións para sacar adiante “un proxecto cultural tan ambicioso” que consegue o apoio das administración tanto a nivel central, como autonómico, provincial e local.

Neste sentido, o presidente provincial reafirmou o compromiso e apoio da Deputación de Ourense con este certame cultural, “conscientes da importancia que ten non só para Ribadavia senón para a toda a provincia acoller un evento destas características consagrado como o mellor escaparate das artes escénicas galegas”. Evento que, como lembrou, foi recoñecido co Premio Rodolfo Prada á xestión cultural na edición 2023.

Coproducións de danza e teatro

Ademais do apoio a través do convenio de colaboración asinado, a Mostra de Ribadavia incorpora este ano ao seu extenso programa dúas montaxes coproducidas a través de unidades dependentes da Xunta. Así, o espectáculo inaugural desta edición é unha peza de danza promovida pola Xunta de Galicia a través do Centro Coreográfico Galego. Trátase de Dique, de Nova Galega de Danza, compañía que recibe o Premio de Honra da MIT este ano). Con dirección escénica e dramaturxia de Marta Pazos e dirección coreográfica de Belén Martí Lluch, Dique abre esta mesma noite a carteleira artística cun pase ás 23:00 h. no Auditorio do Castelo para o que hai días que xa non quedan entradas dispoñibles.

 

 

O Centro Dramático Galego, que este ano está a celebrar tamén os 40 anos desde a súa fundación, achega pola súa banda Nada se sabe, a proposta que coproduce con Culturactiva e que a vindeira semana ultimará ensaios no Salón Teatro de Santiago de Compostela. A obra, que afonda na liña de traballo inclusivo da compañía pública, en conexión tamén coa filosofía da MIT, terá a súa estrea absoluta o día 26 en Ribadavia. En Nada se sabe dúas actrices e dous actores con diversidade funcional repasan versións da discapacidade no teatro clásico, deténdose nunha adaptación da traxedia de Sófocles Filoctetes asinada por Manuel Lourenzo. Ignacio García, quen fora director do Festival de Teatro Clásico de Almagro, e Fran Rei dirixen esta peza a modo de creación colectiva.

Durante os seus nove días de celebración, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia recibirá outras recoñecidas figuras da creación e dirección escénica, como Guillermo Calderón, Alice Ripoll, Alberto Conejero ou Esther Carrodeguas como parte dunha carteleira na que tamén figuran grande nomes do clown, como o arxentino Gabriel Chamé e a inglesa Peta Lily, así como as estreas en Galicia dos novos traballos de Alberto Velasco ou Los Galindos. Documentais, coloquios, cursos e presentacións complementan a intensa programación de espectáculos.

Artigos relacionados

Back to top button