ConcellosTrivesÚltima hora

A mostra “Destino. Unha peregrinación de Manuel Valcárcel” poderá visitarse en Trives ata o 30 de xuño

Está na Sala de Exposicións do Edificio Santa Leonor e o horario é de luns a venres, de 10 a 13:30h. e sábados e festivos de 11 a 14h.

Inauguración da exposición.

 

Na mañá deste xove 29 de maio o Concello da Pobra de Trives, ABANCA e Afundación, inauguraban na Sala de Exposicións do Edificio Santa Leonor a exposición “Destino. Unha peregrinación de Manuel Valcárcel” coa asistencia da alcaldesa, Patricia Domínguez Barja; do coordinador institucional de ABANCA en Ourense, Mateo Alonso San Román; e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano.

“Nesta terra de emigrantes e peregrinos sabemos mellor ca ninguén da importancia vital da viaxe, un percorrido físico que implica, en paralelo, unha reflexión interior sobre os nosos valores, a nosa identidade e as nosas necesidades”, explican dende ABANCA, destacando que nas catro peregrinacións do fotógrafo galego Manuel Valcárcel “fálasenos de familia, de emigración, de envellecemento, de sostibilidade e de fogar, grandes temas da humanidade que teñen a súa correspondencia no labor social de Afundación, a Obra Social de ABANCA, e que nesta exposición afloran a través da viaxe interior e física de Valcárcel e das súas potentes imaxes cargadas de emoción, vida e cor”.

Así, “Destino” amosa catro peregrinacións en catro países de catro continentes (O Tíbet, Senegal, México e Galicia), alicerzándose na fotografía documental como ferramenta narrativa e contando distintas historias unidas por un mesmo sino. Concíbese esta expedición como unha viaxe en espiral de seres humanos unidos e guiados polo destino, na busca de respostas a preguntas universais que nos atinxen a todas as persoas do mundo.

En Trives poderase visitar ata o vindeiro 30 de xuño, de luns a venres en horario de 10 a 13:30 horas e sábados e festivos de 11 a 14 horas.

Esta exposición realiza ademais a súa particular viaxe polas diferentes localidades de Galicia nas que se mostra dentro do programa Corrente cultural, que permite a Afundación programar actividades culturais, grazas á colaboración cos concellos e con ABANCA.

 

Artigos relacionados

Back to top button