OurenseÚltima hora

A mostra “Os nosos Entroidos” pecha a súa primeira semana con 1.550 visitas

Veciños de Buxán (O Bolo) xunto ao Oso e a Mázcara do Entroido desta localidade./ Cedida.

 

A exposición “Os nosos entroidos”, promovida polo Concello de Ourense, vén de pechar a súa primeira semana con 1.550 visitas. Permanece aberta ao público dende o mércores 17 ao mediodía na Sala Valente da cidade. A xornada con máis visitantes foi a do sábado, cun total de 537 persoas, sendo preciso nalgúns momentos ter que agardar fóra para poder acceder a medida que fosen saíndo outros visitantes.

A mostra está composta por está formada por 110 pezas de 44 entroidos distintivos da provincia. Os elementos expostos, algúns con máis de medio século de historia, proceden de cesións realizadas por 39 concellos, por asociacións culturais e por particulares. Entre elas figuran as Mázcaras de Manzaneda, os Boteiros de Viana e Vilariño de Conso, o Cigarrón de Verín, os Felos de Maceda, os Cigarróns de Verín, o Touro e o Xigante de Celavente (O Bolo), o Oso e a Mázcara de Buxán (O Bolo), a Morena de Laza, etc.

 

 

Así mesmo a exposición personaxes menos descoñecidos e recuperados. Tamén están figuras do Entroido dos barrios de Ourense como a Pita das Eiroás, a Paquita e o Nicanor de Seixalbo ou o Frei Canedo da Ponte.

O interese que a mostra espertou fixo posible que nestes primeiros días se puidesen achar dous novos traxes tradicionais dos Entroidos ourensáns, dos que proximamente se dará conta e se achegarán a esta exposición.

O horario da sala Valente (rúa do Paseo 20, planta baixa) será de martes a sábado, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas; os domingos de 11.00 a 14.00 horas. Os luns o espazo permanece pechado. O aforo máximo permitido neste recinto é de 25 persoas, debido ás medidas sanitarias para facer fronte a pandemia do Covid-19.

Artigos relacionados

Back to top button