CulturaCulturaÚltima hora

A mostra “Sinapses” do 8 Córgomo Arte chega á Mariña Lucense

Poderá verse do 1 de febreiro ao 26 de febreiro na Casa da Cultura de Burela

Algúns dos artistas participantes en Córgomo Arte, entre eles os valdeorreses Brais Fernández, Manuel Conde e Victorino Núñez “Torino”./ Foto: Carlos G. Hervella.

Tras un mes aberta ao público na Sala Conde e Torino de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), a mostra “Sinapses” poderá verse a partir do 1 de febreiro e ata o 26 de febreiro na Casa da Cultura de Burela. Esta exposición é o resulto da oitava edición do proxecto “Córgomo Arte”, unha iniciativa promovida polos artistas valdeorreses Manuel Conde e Victorino Núñez, “Torino”, que decidían abrir as portas da súa casa para crear un espazo aberto ao desfrute da arte no rural.

“En Córgomo Arte 8 “Sinapses” quixemos reflexionar sobre a dimensión máis social da arte e poñer a arte ó servizo do colectivo, como un medio de visibilización dunha terrible realidade do noso tempo como son o Alzheimer e outras demencias. A arte quizais poida parecer algo superfluo cando se fala de temas tan duros coma este, pero tamén constitúe unha poderosa ferramenta de comunicación que nos permite poñer o debate enriba da mesa para poñerlle voz e desestigmatizar realidades tan sensibles coma estas, nas que as redes de apoio son esenciais”, explica a comisaria da mostra, Silvia Fiallega.

Ademais a mostra que poderá verse na Mariña ábrese a máis artistas desta comarca “co fin de reivindicar e poñer en valor a importante labor que desenvolven asociacións como AFAN Burela no coidado dos enfermos e das súas familias, ademais de chamar a atención ás autoridades sobre a insuficiencia dos recursos dos que dispoñen e que impiden poder prestar servizo a máis usuarios”.

Serán, polo tanto, un total de 23 artistas participarán na edición Mariña de Córgomo Arte 8 “Sinapses”: os escultores valdeorreses Brais Fernández Vizcaya, Victorino Núñez, “Torino” e Manuel Conde, ademais de Martín Lestao, Ignacio Castro “Nachok”, Violeta Bernardo, Arturo Ceide, Crystilandia, Patricia Fernández Paz. Ademais “debemos agradecer a colaboración de Cristina Basanta, Lucía Vila, Noé Blanco, Julián Bouza, Pedro Cabarcos, David Catá, Caxigueiro, Celso Dourado, Fátima Fernández, Juanel, Mauro Leivas, Adri Pardo, Alberto Pena e Pilar Rei”, segundo a organización.

Por outra banda, Manuel Conde e Victorino Núñez, así como Violeta Bernardo, van doar tres das pezas da mostra a AFAN Burela, entidade que tamén inclúe traballos na exposición.

 

Artigos relacionados

Back to top button