PolíticaÚltima hora

A nacionalista Noa Presas reúnese co comité de empresa de Autoneum, na Rúa

A cabeza de lista do BNG por Ourense asegura que "é necesaria unha reindustrialización da provincia"

 

Despois do ERTE ao que se acolleu pola crise do coronavirus, a empresa Autoneum A Rúa, conta xa coa maioría do seu plantel reincorporado ao posto de traballo, volvendo pouco a pouco á normalidade de produción, pero os traballadores están preocupados polo futuro do sector, pola incertidume a nivel tecnolóxico sobre os combustibles e tamén sobre factores como a temporalidade. Son algunhas das cuestións que lle transmitían os responsables dos sindicatos da fábrica á deputada nacionalista Noa Presas, na reunión mantida na mañá do 5 de xuño.

“Temen que neste momento se poidan ver agravados estes problemas e nas empresas haxa políticas de restriccións de novas contratacións, unha cuestión que está enriba da mesa é que é preocupante”, asegura a cabeza de lista do BNG por Ourense. Na reunión, á que tamén asistían o responsable comarcal do BNG Roberto Quiroga e o concelleiro nacionalista Avelino Fernández, falouse sobre as melloras pendentes en materia de transporte “para que dende A Rúa se poida seguir fabricando compoñentes de automóbil e se poidan trasladar a outros polos de produción”; e sobre cuestións estruturais que dende o Bloque xa  tiñan demandado nalgunha outra ocasión e que afecta de forma directa a Valdeorras, como que vai pasar co Corredor de Mercadorías “unha cuestión que reclamamos dende o principio e sobre a que estaremos atentos para que Ourense teña protagonismo, porque pensamos que se trata dun valor engadido que canto antes sexa unha realidade poderá beneficiar dun xeito directo ou indirecto a Ourente e toda Galicia”.

 

Noa Presas trala reunión co comité de empresa de Autoneum, na Rúa.

 

Presas asegura que o sector da automoción é moi importante para Galicia. “Supón o 14% do PIB e Ourense ten un papel destacado na industria auxiliar que dende o BNG entendemos que está chamado a reforzarse, a reinventarse e a ser unha das estratexias claras que necesitamos para a reindustrialización de Ourense”, algo sobre o que, asegura, van insistir de cara ao 12 de xullo. “Tamén incidiremos en que é necesario apostar por destinar fondos públicos para a fixación de emprego, para a localización de empresas en Ourense que teñan tamén liñas de apoio relacionadas coa I+D+i e co valor engadido”.

Nese sentido a deputada do BNG asegura que é necesario un plan de ordenación real do chan industrial. “Non é de recibo que na zona de Pontevedra por exemplo, haxa empresas de matriz galega que se están instalando no norte de Portugal porque non atopan chan industrial e que ao mesmo tempo en Ourense teñamos polígonos enteiros cheos de toxos no lugar de estar localizando empresas”. Esa será unha das liñas prioritarias para o BNG, porque entenden que “pola vía de atracción de empresas e de aproveitar todo o capital de formación e experiencia que xa existe na industria auxiliar de Ourense e do resto de Galicia, temos oportunidades de adaptarnos e innovar e de atraer empresas nun momento de incertidume e de cambio”. Todo isto ligado ao compromiso nacionalista coa mellora das condicións laborais do sector que será “outra das cuestiós prioritarias pois non imos permitir que nesta crise suceda o mesmo que sucedeu no 2008, cando foi a clase traballadora quen pagou os recortes que se impuxeron dende os diferentes gobernos e institucións europeas”.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button