Continúan as actividades organizadas pola Subdelegación do Goberno e o Comisionado para os 50 anos de España en Liberdade, desta volta da man do teatro, no Barco de Valdeorras.
Na mañá deste martes 27 de outubro, alumnado do IES Lauro Olmo e do IES Martaguisela asistían á representación no Teatro Lauro Olmo da obra Melón Pelado. Farsa non-infantil para Caixa de Bonecas do director e docente teatral Xavier Castiñeira, unha coprodución do Ministerio de Cultura, ButacaZero e o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía que promove a reflexión colectiva sobre o papel da muller na posguerra.
Melón Pelado propón unha viaxe iniciática de cara a lugares da historia nin escritos ni contados -nin moito menos fotografados- reflexionando sobre o propio feito da memoria do atopado. E faio a través de dúas titiriteiras (Nuria Gullón e Cris Collazo) que abren unha caixa de bonecas que en realidade é un baúl dos recordos. “Arranca o conto. Mil novecentos trinta e… Ameniza o espectáculo a Banda de Música da Vila (de calquera vila). Entre o Posto de Churros e a Caseta do Anís comparece a procesión, o desfile, a comparsa. Pero trátase dun desfile dantesco de bonecas rapadas. A obra parece -sen dúbida- un esperpento. Pero de Valle… non é”.
É o argumento deste segundo proxecto escénico no que ButacaZero (plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, que propoñen un teatro que dialoga coa actualidade dende unha mirada crítica e irónica ), aborda o tema das rapadas da Posguerra Civil. Esta pequena peza de teatro de obxectos está escrita por Esther F. Carrodeguas (dramaturga, empresaria e actriz) que “decide recuperar o tema das rapadas xa que precisamente a obxectualización das protagonistas favorecía un discurso crúo sobre o tema que axudaba á ironización dunha temática durísima”, explican dende a compañía que pretende “achegar a peza a todos os recunchos posibles grazas á versatilidade e facilidade de xira que fomenta o formato, que só precisa dun pequeno espazo onde pousar o baúl… e un enchufe convencional (220v)”.
Trátase dunha obra coa que pretenden que os rapacez “reflexionen”, aseguraba a concelleira de Cultura Margarida Pizcueta, na reunión que mantiña co elenco antes da representación, acompañada polo subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, quen explicaba que a peza teatral aborda contidos que entran dentro da programación do 50 aniversario da Democracia en España, para “lembrar a nosa historia con coñecemento científico e estimular na xuventude sobre todo, os valores democráticos, do feminismo e especialmente da análise científica e veraz da nosa historia”.

Eladio Santos destacou a importancia do teatro como ferramenta de difusión dos valores democráticos, o principal obxectivo da iniciativa “España en liberdade. 50 anos”. “O teatro convídanos a escoitar outras voces, comprender distintas realidades e desenvolver o pensamento crítico”, subliñou, antes de felicitará compañía teatral ButacaZero polo traballo realizado e agradeceulles que acheguen esta obra ás distintas localidades do territorio para que todas as persoas poidan desfrutar do teatro.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.