En portadaÚltima horaVídeos

A obra de Xosé de Valbuxán reivindícase na presentación do seu libro póstumo “Monforte 1951-52”, no Bolo

No acto, que se desenvolvía no Museo YOSSO, pedíase que algún día se lle dedicasen as Letras Galegas

 

O primeiro que se atopa o visitante ao entrar no Museo YOSSO do Bolo, xusto antes dunha das súas pinturas, é unha breve reseña sobre a vida deste creador. Comeza contando como  “con nove anos deixa a súa aldea natal (Valbuxán) para ir a estudar ó Colexio dos PP. Escolapios de Monforte de Lemos completando formación en diversos centros que esta orde ten repartidos por España”. E precisamente nesa etapa da nenez centraba José Porto García, Xosé de Valbuxán para a escrita e YOSSO como pintor, o seu último libro Monforte 1951-52, que non puido ver publicado. O seu desexo vén de ser cumprido agora pola súa familia, que escollía precisamente este museo, entre as delicadas e fermosas pinceladas que deixou nos lenzos que nel se reúnen, para presentar a obra.

“Nela recolle un ano e pico de vivencias. Foi o último que escribiu e dicía que unha noite espertara soñando co escolapio que máis cariño tivo cara el, o Pai Santiago, que era o seu gran valedor, o seu protector e a persoa que máis o axudou. Era como se fora unha revelación e, a raíz diso, empezou a recordar vivencias que el tiña con ese escolapio e cos compañeiros e co colexio. Relata como era Monforte nos anos 50 do século pasado, que é onde se recolle esta historia”, explicaba a xornalista Manola Porto, sobriña e afillada do escritor, na presentación do libro, que tiña lugar na tarde deste 18 de maio ante numerosas persoas, entre elas membros Corporación bolesa, como o tenente de alcalde, Miguel Ángel García.

A data non se escollía ao azar, tal e como explicaba en nome da familia Manola Porto, ademais enmárcase na celebración do 150 aniversario da chegada dos Escolapios a Monforte. “Onte celebrábanse as Letras Galegas galegas e hoxe o Día dos Museos, así que o 18 de maio pareceunos unha boa data para seguir poñendo en valor o traballo de Xosé de Valbuxán, de YOSSO, para seguir dando a coñecer a súa obra e hoxe xúntanos aquí un libro póstumo”. O seu limiar está escrito polo Pai Francisco Javier Agudo, director xerente da Fundación Colexio Nosa Señora da Antiga de Monforte, quen “por motivos de saúde non puido acompañarnos hoxe pero pediume que lera un anaquiño dese prólogo”, comentaba Porto antes de dar inicio a esa lectura.

 

 

 

O libro está estruturado en 18 capítulos, precedidos do citado limiar, dun preámbulo e dunha introdución. É precisamente nese preámbulo no que Xosé de Valbuxán relata como se xestou esta obra. “Esta pasada noite, a última do 2013, aparecéuseme en soños o “Padre Santiago”. Só a súa cara (…) que me sorría co aquela simpatía de sempre, co aquela expresión bondadosa de sempre. Un sorriso non aberto, senón que chegaba da alma e se esbozaba ou asomaba, ós seus beizos, ós seus ollos, con afecto: entre agradecido e compracido. De alí a pouco surxiron tamén os seus brazos ofrecéndome, nunha man un folio e na outra un lápiz, ó tempo que dicía: ¡esperta!” (…). Pero hoxe, 31 de xaneiro, esto é, un mes despois, atópome co libro feito (…). Pois todo foi en trance, cal se alguén moi fora dictando. E ben sei quén”.

 

Manola Porto, sobriña de Xosé de Valbuxán, na presentación do libro póstumo deste creador, no Bolo.

 

A obra está escrita en galego, “pero non no normativo, senón no galego que o meu tío falou sempre e así foi como o concebiu”, matizaba Manola Porto, indicando que se decidiu respectar esa lingua orixinal. “Xosé de Valbuxán ten aínda moita obra inédita, pendente de ser publicada, e co desexo de que algún día teñamos a celebración das Letras Galegas adicadas a Xosé de Valbuxán”, concluía a súa sobriña, antes de dar paso as outras tres persoas que interviñan na presentación que se sumaban a esa petición á Real Academia Galega (RAG), se ben o primeiro deles en intervir, Aurelio Blanco Trincado, presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses (IEV) lembraba que é preciso que pasen alomenos dez anos para que se poida presentar esa solicitude. Ademais resaltaba a “obra magna” do autor, tanto no eido da pintura como no da escrita.

Deseguido, o xornalista José Manuel Rubín aseguraba que contar co Museo YOSSO e con este novo libro “é unha feliz realidade”, malia lembrar que este creador “foi inxustamente tratado nas derradeiras décadas da súa vida”. Para Rubín “non pode deslindarse o YOSSO poeta do pintor, é un só artista”. Ademais destacaba o gran recoñecemento do que gozaba entre a intelectualidade galega das décadas dos 70 e 80, lendo citas referidas a el de tres autores xa distinguidos no Día das Letras Galegas, Celso Emilio Ferreiro, Eduardo Blanco Amor e Valentín Paz-Andrade.  “Pero desapareceu, como foi desaparecendo aquela intelectualidade. Non era un artista ao uso dos novos tempo que trouxo a Transición, e acabou refuxiándose no seu Valbuxán natal, fuxiu deses foros”.

Finalmente tomaba a palabra o investigador Isidro García Tato quen recordaba como cando coincidiu con Xosé de Valbuxán “deseguida vin que tiña ante min a un místico, é dicir a un ser humano ateigado e rebosante da cualidade divina creativa, é dicir, un poeta no significado enxebre da palabra”. E apuntaba que o “labor vital de Xosé de Valbuxán ou YOSSO centrouse enteiramente en crear un mundo mellor dende o seu curruncho natal de Valbuxán”. E dirixíndeo ao propio poeta dicía: “Amigo Yosso, que sei que nos estás escoitando, recibe o noso máis profundo agradecemento e nosa mai das Ermitas tes a túa mellor seareira”.

 

 

O acto continuaba coa lectura dunha serie de poemas de Xosé de Valbuxán por parte dos asistentes, entre eles a súa irmá Marina e a súa sobriña Manola. Despois outro familiar do poeta, Martín Porto, que tamén está dando seus primeiros pasos no eido poético, interpretaba dúas pezas á gaita, que remataban nun emotivo momento. Finalmente, os asistentes facían unha visita guiada ao Museo YOSSO.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button