Hai aproximadamente un ano, o colectivo teatral “La Griotte” comezaba a traballar sobre a obra Rexurdimento do Divino Sainete para realizar unha adaptación da mesma á escena. Despois dun intenso traballo de interpretación do texto e do contexto elaborado en 1888 por Curros Enríquez, o grupo lograba montar unha composición singular e alternativa, apoiándose en marionetas, onde se conta a viaxe ficticia que o poeta realizou a Roma nun tren no que se abordan con crueza como estaban instalados os 7 pecados capitais na sociedade da época, dedicando cada vagón do tren a un dos pecados e co fin de pedirlle contas ó Papa.
A peza teatral será estreada este domingo 15 de setembro ás 20 horas no Auditorio Municipal de Celanova, coincidindo co 173 aniversario do nacemento do autor da obra literaria da que bebe esta representación, o poeta de Celanova, Manuel Curros Enríquez.
A presentación da estrea tiña lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense contando coa presenza do deputado de Relacións Institucionais da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; da alcaldesa en funcións de Celanova, Teresa Barge; do secretario da Fundación Curros Enríquez, Antonio Piñeiro e outros patróns da Fundación; e do elenco do grupo de teatro “La Griotte”, coa marioneta representativa do poeta Manuel Curros Enríquez.