EconomíaEconomía

A oferta turística ourensá promociónase na feira “Expocidades do Eixo” en Valongo (Portugal)

 

Valongo (na metropolitana de Porto, en Portugal) acolle dende hoxe a sétima edición de Expocidades, Mostra Turística das Cidades do Eixo Atlántico. Esta mañá tiña lugar o acto inaugural coa presenza de Nuno Fazenda, secretário de Estado do Turismo, Comércio e Serviços; e Isabel Ferreira, secretária de Estado de Desenvolvemento Rexional, xunto con Lara Méndez, presidenta do Eixo Atlántico; Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico, e José Manuel Ribeiro, alcalde da Câmara Municipal de Valongo, así como o deputado provincial de Turismo e Termalismo, Rosendo Fernández.

Expocidades “é unha ferramenta de promoción do turismo de proximidade das cidades do Eixo Atlántico. Busca promover as cidades no seu medio de mercado inmediato, así como tamén aproveitar para favorecer a relación directa entre produtores turísticos e comercializadores. Esta feira de turismo celébrase desde 2013, tan só interrompida polos dous anos de pandemia”, tal e como se indica dende o Eixo Atlántico.

Ata o 10 de setembro os visitantes poderán coñecer os lugares de interese das cidades do Eixo Atlántico, así como os seus produtos gastronómicos co obxecto de identificar posibles destinos de proximidade que visitar en calquera dos 52 fins de semana do ano. Cos 30 expositores que acoden este ano, cubrindo así a totalidade do territorio da Eurorrexión, preténdese impulsar un turismo de proximidade alcanzable, de calidade e centrado na saúde, natureza, patrimonio e gastronomía.

Nesta edición, por primeira vez, Expocidades integrarase tamén coa Feira de Produtos Tradicionais do Eixo Atlántico, un evento que se vén organizando desde hai unha década en diferentes cidades e que conta coa participación de produtores tradicionais e de excelencia de Galicia e Norte de Portugal. Este programa, liderado polo Barco de Valdeorras, forma parte das actuacións do Eixo Atlántico para impulsar o desenvolvemento económico e fixar poboación nos territorios de menor densidade demográfica. Neste caso, promociónanse espazos de comercio para os pequenos produtores e artesáns tradicionais.

Igualmente, nesta ocasión, a feira de turismo celébrase conxuntamente con Expoval – Mostra do Concelho de Valongo que, na súa 15ª edición e baixo o tema “Valongo, Serras do Porto”, pretende promover un novo concepto de emprendemento e de afirmación territorial.

Novos modelos de turismo

No ámbito do turismo, un dos motores económicos do Eixo Atlántico está a traballar na identificación e desenvolvemento de tres novos conceptos turísticos tras o éxito do concepto de turismo de fronteira e o seu slogan “2 países, 1 destino”, impulsado polo Eixo Atlántico fai máis dunha década. está a desenvolver actualmente tres novos conceptos. Os novos conceptos nos que se está traballando para promover, á súa vez, novos modelos son: turismo de autor, policéntrico e a incorporación transversal dun concepto xa existente pero insuficientemente implantado que é o turismo accesible.

Sobre estes conceptos, precisamente, o secretario xeral do Eixo Atlántico manterá a semana próxima unha reunión en Bruxelas coa responsables da área de Turismo da Comisión Europea que mostraron o seu interese nestes conceptos desenvoltos.

 

 

Expositores da provincia

Entre os expositore presentes está o Concello do Barco e un da provincia de Ourense houbo unha degustación de pulpo do Carballiño, ofrecida pola Asociación de Pulpeiros deste municipio, en colaboración coa institución provincial, para promocionar este recurso icónico da oferta enogastronómica ourensá.

Cabe destacar que Portugal é o primeiro mercado emisor de turistas foráneos a Galicia e, por suposto a Ourense, a provincia con máis quilómetros de fronteira con outro país, concretamente 219 con Portugal. Polo tanto, a participación neste tipo de foros serve para dar a coñecer a oferta sostible e de calidade do territorio entre un mercado de proximidade.

Os visitantes poderán coñecer durante estes días os numerosos recursos turísticos que ofrece a provincia de Ourense, desde os seus itinerarios xacobeos, o programa de termalismo social da Deputación de Ourense, así como os xeodestinos que integran o noso territorio.

Artigos relacionados

Back to top button