EntrevistasÚltima hora

“A pandemia do Covid permitiunos aprender a tratar non só a enfermidade, senón tamén aos pacientes dende o lado máis humano”

A estudante barquense de Medicina Jie Chen Bao é unha das últimas incorporacións á Asociación de Médicos Galegos Nova

Jie Chen Bao, natural do Barco, está en sexto curso de Medicina en Madrid.

 

As rotacións do seu sexto curso de Medicina en Madrid teñen estado marcadas pola pandemia do Covid-19. “O ano pasado tiveron que suspenderse algunhas prácticas e moitos procedementos non se realizan ou fanse menos, pero tamén é certo que esta situación pandémica aportounos unha experiencia moi importante para o futuro e, sobre todo, permitiunos aprender a tratar aos pacientes dende o lado máis humano”, destaca Jie Chen Bao, natural do Barco pero de familia chinesa.

Malia ter nacido en Valdeorras, con apenas uns meses era levada cos seus avós á provincia de Zhejiang, no sudeste chinés, onde viviu ata os 6 anos. Logo regresaba a España para residir cos seus pais en Ceuta e, dalí trasladábase a Madrid para estudar Medicina. Malia á súa curta estadía no Barco, Jie Chen Bao sente un agarimo especial pola vila, á que volvía o pasado ano por vez primeira, e tamén por Galicia.

Por iso a esta estudante de Medicina, que está a realizar as súas prácticas no Hospital da Princesa de Madrid, lle fai especial ilusión poder incorporarse á Asociación de Médicos Galegos (Asomega) Nova, entidade que preside o neumólogo trivés Julio Ancochea.

– A súa traxectoria vital é moi curiosa, naceu no Barco pero pouco despois levárona a China, de onde é a súa familia…

Si, daquela había pouco tempo que os meus pais chegaran a España e, por cuestións de traballo ao pouco de nacer eu decidiron levarme a China, onde medrei cos meus avós. E logo aos 6 anos volvínme a España e xa directamente a Ceuta, porque os meus pais mudáronse alí, e logo viñen a Madrid para estudar a carreira.

– No seu caso conviven a cultura chinesa e a española, algo moi enriquecedor, pero ao mesmo tempo na súa nenez tamén os cambios e a adaptación serían difíciles.

Claro, ao final ter estado en tantos sitios enriquece moito a nivel cultural e persoal, pero irte con 6 anos da casa na que estiveches sempre e ter que despedirte dos teus avós foi duro. E aínda que non tiven a oportunidade de medrar en Galicia, sempre penso no meu lugar de nacemento con moito agarimo e moitas veces dame pena non ter podido medrar aquí e aprender o galego, aínda así, teño toda a vida por diante para poñerme e aprender.

– ¿Ten regresado algunha vez ao Barco?

Si, unha vez, o ano pasado. Fun cunha amiga da universidade, que é de Vigo, e a experiencia resultou moi boa. Deume a impresión de que a xente en Galicia era moi cercana, moi xenerosa e hospitalaria. Ao mellor soa raro, pero cando voltamos a Madrid sentín como morriña, pena por irme de aí. Pero fíxome moitísima ilusión ir.

– ¿Que a levou a estudar Medicina?

O meu verdadeiro desexo era tirar pola rama artística, gustábame moito o baile, de feito fixen baile cando estiven en China; pero sempre che din que o ámbito da arte non é unha opción con bo futuro, por iso despois barallei estudar arquitectura, que é unha combinación de belas artes e algo máis científico. Porén, á miña familia iso tampouco lle convenceu moito.

Tamén é certo que sempre valorei a medicina como unha opción. Cando ves a alguén da túa familia enfermo, sentes a necesidade de coidalo e de axudarlle, por iso dende pequena sentía a necesidade de coidar dos meus pais e dos meus avós. Sempre tiven esa idea de querer axudar aos demais.

– Despois de seis anos en Medicina, ¿está contenta co camiño que tomou?

Durante a carreira tiven momentos de crises e de indecisión, pero ao final valoro moito os aspectos positivos da medicina, que deu moi boas aportacións. A medicina fíxome ser mellor persoa, ver que non toda a xente vive as cousas da mesma maneira. Un dos aspectos máis curiosos é que os pacientes ábrense moitísimo aos médicos, e claro, ves diferentes formas de entender a vida e iso abriume a mente. Agora mesmo síntome feliz con ese camiño que elixín.

 

Jie Chen Bao, no centro, con algúns dos neumólogos do Hospital da Princesa de Madrid.

 

– ¿Como está sendo a súa experiencia no Hospital da Princesa en Madrid?

Estiven rotando por outros hospitais como A Paz en xinecoloxía e tamén polo Hospital Neno Xesús en pediatría, pero a maioría das prácticas fíxenas no Hospital da Princesa e a experiencia está resultando moi ben. A miña última rotación foi no servizo de Neumoloxía e foi boísima, penso que das mellores rotacións que tiven na carreira porque os médicos que forman o servizo son moi bos profesionais, pero sobre todo moi bos docentes e moi boas persoas.

De feito, foi o neumólogo Julio Ancochea quen me permitiu coñecer Asomega, paréceme moi entrañable, moi cercano cos estudantes e sempre se preocupa porque nós, os alumnos, esteamos a gusto durante as prácticas. Nas clases que nos daba recordo que sempre recalcaba os aspectos máis humanos da profesión de ser médico. É unha desas persoas das que te vas acordar toda a vida.

Ademais agora estou facendo o traballo de fin de grao sobre Neumoloxía e o meu titor é o doutor Zamora, tamén do servizo de Neumoloxía da Princesa e de quen recibín un gran trato. A verdade é que lle teño moito cariño a todo o servizo, e, en xeral, as prácticas nas outras especialidades do hospital tamén teñen sido moi boas.

– A súa formación práctica ten coincidido cunha situación excepcional como é a pandemia do Covid, ¿como lle ten influído a nivel persoal e profesional?

Si, é unha das cousas que me marcaron moito porque ves a persoas moi críticas de saúde, e aprendes non só tratar a enfermidade, senón á persoa. Eu creo que nese aspecto marcoume moito a min a  nivel emocional, e, sobre todo, aos que xa están exercendo.

– Máis adiante, ¿gustaríalle completar a súa formación en China?

A miña idea é facer o MIR en España, pero durante a residencia teño opción de ir nun período de tempo ao estranxeiro e facer algunhas prácticas. Nese senso, si que me gustaría irme a China, coido que iso vaime enriquecer moito a nivel profesional e persoal. Se podo si que o farei.

– ¿Gustaríalle exercer en Galicia?

Si, gustaríame no norte e, por suposto, en Galicia, onde teño amigos e familia. É xa por sentimento e orgullo, que no fondo son galega.

– ¿Que pensa que poden aportar iniciativas como Asomega Nova aos xoves médicos?

Penso que a asociación consegue fomentar a formación científica, a actividade docente e a investigación a través dos congresos e conferencias que organiza, ademais de realizar publicacións sobre traballos e temas relacionados coa medicina. Iso estimula moito o exercicio da medicina en todos os seus aspectos e promove a relación entre as persoas que forman parte de Asomega, e tanto a nivel profesional como humano. Ademais para min supón un novo achegamento a Galicia, nunca se poden esquecer as orixes.

Texto: A.R.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button