En portadaSanidadeÚltima horaVídeos

A pintora valdeorresa Lola Doporto doa 1.300 euros á AECC pola venda dos seus panos de seda

Esta artista comezaba hai un ano un singular proxecto creativo no que saltaba do lenzo á seda para plasmar as súas coloristas pinturas cun fin solidario

 

Converter os seus cadros en prendas de vestir e, ademais, cun fin solidario. A idea rondáballe pola cabeza dende hai tempo á pintora Lola Doporto, natural de Millarouso (O Barco). Pero non foi ata outubro de 2022 cando ese proxecto comezaba a materializarse. En concreto, en seda 100% natural. Así a obra desta artista cobraba unha nova dimensión á súa creación, que xa agora pode levarse nun pano, como un complemento habitual da indumentaria.

Os seus icónicos mouchos, as marionetas, galos ou mesmo os peixes dos seus óleos iniciais locen agora en elegantes e coloristas panos de diferentes formas e tamaños, que tiñan, tras poñerse a venda no verán, tiñan e seguen tendo unha excelente acollida. Trátase de edicións moi limitadas con diferentes formas e medidas (cadrados, alongados ou tipo pashmina…). “A tela imprímise con colorantes reactivos en dixital, o que permite traballar incluso con medidas reducidas. Logo sométese o tecido aos acabados ou tratamentos de ennobrecemento do material, que melloran o aspecto, as propiedades e solidez da cor”, tal e como detalla a pintora, que considera que este é un proxecto colectivo e no que conta coa colaboración da empresa Nós do Barco.

 

 

E de feito, xa dende un inicio, esta iniciativa tiña un fin claramente solidario. “Os beneficios obtidos da venda destes panos son para a Asociación Española contra o Cancro. Admiro a toda esa xente, tanto aos profesionais sanitarios como ao persoal da asociación e aos voluntarios, o seu labor é moi importante”, resalta Doporto, que superou esta enfermidade e que esta mañá de 25 de outubro facía entrega no Casino do Barco á Asociación Española contra o Cancro (AECC) en Ourensedo recadado ata agora pola venda dos seus panos, un total de 1.300 euros. “Despois do traballo realizado, esta é a miña maneira de agradecer ese labor, entregando este pequeno gran de area para a asociación, que tanta falta fai para investigación e para o que necesiten”, dicía emocionada Doporto. O destino da recadación será o programa de “adquisición de material para o banco de perrucas”, segundo a AECC.

 

 

 

 

Ao seu carón, o presidente da AECC en Ourense, Germán Rodríguez-Saá ( que estaba acompañado pola delegada en Valdeorras da entidade, Gloria Pérez, e pola psicóloga Jacqueline Rodríguez) amosaba o seu agradecemento. “Temos que agradecer esta iniciativa de Lola, que é fundamental xa, non só para darlle visibilidade á asociación, algo que é importante e tamén para que tamén outras mulleres se vexan reflexadas na súa vida, no que ela puido pasar e que ao final puido desenvolver esta doazón” e engadía que “cada aportación é un mundo para a asociación para seguir esa liña, a liña da investigación, a liña de apoio, a de seguir facendo actividades gratuítas ao longo da provincia”.

 

 

Finalmente, o doutor Jesús García Mata, xefe do servizo de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e vogal da AECC, resaltaba que “para os clínicos, para os que nos dedicamos a tratar á xente con cancro, sempre a vida che depara este tipo de circunstancias. Coñeces a xente marabillosa, da que aprendes moito, non só das cariño, senón que que tamén recibes moito, e polo tanto o bonito da nosa profesión non é só o feito diario de contactar e tratar con xente, senón de recibir todo o que recibimos. É un exemplo é Lola, unha pesoa especial e marabillosa, que é un orgullo poder recibir todo o que ela dá, non só quen ten en fronte, senón pensando nos demais, e o que temos que facer é agracecerlle todo isto que nos está aportando”. Este acto tamén contaba coa presenza dun representante da empresa Nós, Javier Gómez, e persoas da contorna próxima da artista Lola Doporto.

 

 

Os panos de Lola Doporto están á venda e poden pedirse por internet no correo hola@loladoporto.com ou ben no teléfono 678 111 408. Conta ademais cun punto colaborador en Celanova e outros dous no Barco: as tendas de Miranda Moda e Baamonde.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button