ConcellosÚltima hora

A Pobra de Trives prepárase para as festas de setembro

Na honra ao Santo Cristo e á Dolorosa, do venres 14 ao domingo 16
Procesión do Santo Cristo da Misericordia, na Pobra de Trives./Foto: Carlos G. Hervella.

Agosto foi un mes moi intenso e activo cultural e deportivamente na Pobra de Trives con actividades moi variadas practicamente todos os día. Con todo, a piques de despedir o verán, á localidade trivesa aínda lle queda unha dobre celebración moi especial: O Cristo e A Dolorosa, con actividades do 14 ao 16 de setembro.

Os cultos na honra ao Santísimo Cristo comezaron xa o mércores 5 de setembro, coa novena que se estenderá ata o día 13. De 9 a 10:30 horas haberá confesións e unha misa, mentres que de 19 a 20:45 horas terán lugar as confesións, o rosario, a novena e a misa. Os cultos repetiranse cada xornada ata o 14 de setembro, festividade do Cristo. Ese día haberá confesións na igrexa parrroquial de 9 a 12 horas; ás 10 horas celebrarase unha eucaristía e ás 12 comezará a solemne procesión co Santísimo.

O apartado musical correrá por conta de varias agrupacións. A Banda de Gaitas Os Trintas será a encargada de facer o pasarrúas na mañá do 14 de setembro, así como de acompañar no percorrido, e a Coraliña Cantora dará un concerto para todos os públicos. Ese día, o baile en sesión de tarde e verbena estará amenizado pola orquestra Dimensión. Ao día seguinte, 15 de setembro, a charanga Terras do Bibei fará un pasarrúas e tamén haberá baile, desta volta a cargo do grupo D’Líder que actuará en sesión de tarde e verbena.

O acto central na honra á Virxe das Dores celebrarase o domingo 16 de setembro. Ese día, de 9 a 12 horas haberá confesións na igrexa e ás 10 horas celebrarase unha misa. Con todo, a eucaristía solemne comezará ás 12:30 horas, seguida pola multitudinaria procesión que levará á imaxe da Dolorosa por toda a vila. Igual que no caso do Cristo, tamén haberá música para amenizar a xornada adicada á Virxe cun pasarrúas e concerto a cargo dunha banda de música (pendente de confirmación); e baile, en sesión de tarde e verberna a cargo do grupo Nebraska.

Artigos relacionados

Back to top button