A Pobra de BrollónConcellosÚltima hora

A Pobra do Brollón acollerá charlas sobre arqueoloxía acompañadas de viños da Ribeira Sacra

O proxecto "Palabras Molladas" dará comezo este mércores, 22 de xullo, a cargo do arqueólogo Rafael Rodríguez

Vista dos canóns da Ribeira Sacra. / Foto: cedida.

 

A Casa da Cultura do concello de A Pobra do Brollón acollerá, ata o 30 de xullo, unha serie de charlas relacionadas coa arqueoloxía e maridadas con viños de Vilachá de Salvadur, D.O. Ribeira Sacra. A actividade, que recibe o nome de “Palabras Molladas”, está organizada polo proxecto Adegas da Memoria en colaboración co Concello. Trátase dunha iniciativa complementaria á campaña arqueolóxica que se está a desenvolver no lugar de Os Conventos, en Vilachá.

A primeira cita será este mércores, 22 de xullo, cunha charla do arqueólogo da Deputación de Pontevedra, Rafael Rodríguez. Titulada “Veraneantes nos castros das Rías Baixas”, tratará as relacións entre os habitantes do Mediterráneo e a poboación de Galicia e o noroeste peninsular dende a Idade de Ferro ata actualidade. O viño escollido para este encontro será de O Tolo do Xisto.

Juan Pablo López será o convidado para dar a segunda charla, o xoves 23. Neste caso, o arqueólogo falará de comunidade e medio rural a partir do proxecto “Terra Levis na Serra de Ávila”. A conferencia incluirá a proxección da curtametraxe documental “Nos Quedamos”. Será maridada con viño de Acivro.

A última charla será o seguinte xoves, 30 de xullo, a cargo de Xurxo Ayán, director da campaña arqueolóxica dos Conventos e que presentará as “case conclusións” da investigación. O viño protagonista será de Val do Frade.

Todas as conferencias terán lugar ás 20:00h no salón de actos “Olga Novo” da Casa da Cultura da Pobra do Brollón. A organización velará polo cumprimento das medidas de seguridade e o uso de mascarilla sanitaria será obrigatorio.

Artigos relacionados

Back to top button