
Na mañá deste domingo 22 de decembro os xuvenís do Inter Ribeira Sacra impoñíanse no pavillón de Manzaneda ao Concello de Coles FS por 4 goles a 2 logrando así a primeira vitoria da tempada.
“É unha alegría que se merecía o noso equipo dos grandes, sedndo a proba de que con traballo, constancia e traballo en equipo, ao final conséguense as cousas” sinalan desde o club, destacando que os xuvenís son o modelo no que se reflicten os máis pequenos. “O seu espírito deportivo, as súas ganas de aprender e o seu traballo constante son o espello no que se reflicten os nenos. Mantiveron a fe e o compromiso cando sabían que esta tempada ía ser complicada, sendo a primeira vez que moitos competían e coa metade do equipo por encima da súa categoría, competindo en xuvenís cando son cadetes”.
Dende o Inter recoñecen orgullosos que os rapaces “están a ser un exemplo de aprendizaxe e compromiso”, polo que necesitaban esta alegría para seguir loitando. Veremos se o espírito do Nadal os invade e os mozos fan un bo torneo que organizan os alumnos do IES Xermán Ancochea de Trives para a súa excursión de fin de curso. “Non digo que gañemos o torneo, pero a ver se no cadro nos toca como rival ‘Vellas Glorias’, que ten un porteiro malísimo”, comenta entre risas o presidente, un dos porteiros das ‘Vellas Glorias’. “A verdade é que sería un agasallo de Reis anticipado, porque é o torneo que organizan eles e os seus compañeiros de instituto e gañar ao equipo do director do instituto non tería prezo”, di con humor.