OurenseÚltima hora

A Policía Local de Ourense inicia a campaña de sanción aos vehículos estacionados nas paradas de bus

Esta semana os axentes circularán nas liñas de autobuses urbanos para frear esta práctica irregular de estacionamento

 

Na mañá deste martes 11 de outubro a Policía Local do Concello de Ourense iniciaba a campaña sancionadora para evitar o estacionamento indebido de vehículos particulares nos espazos reservados para paradas do servizo público de autobús urbano.

Así o anunciaba o concelleiro de Seguridade, Telmo Ucha, advertindo da “gravidade extrema” desta infracción. Por unha banda, os vehículos que ocupan as paradas dificultan a manobra dos autobuses, ocasionan incomodidades ás persoas que os utilizan e poden ocasionar riscos de seguridade se os autobuses ven no deber de parar distanciados das beirarrúas. Por outra, explica Ucha, os autobuses que teñen que parar nun carril, bloquean o tráfico, o que pode traer consecuencias de especial gravidade no caso de impedir o paso de vehículos de emerxencias.

Durante esta semana, axentes da Policía Local circularán nas liñas de autobuses urbanos para frear esta práctica irregular de estacionamento. Tal como explican dende o Concello, cando atopen vehículos aparcados nas paradas sen condutor, serán sancionados de inmediato e cando haxa vehículos parados con condutor requiriráselles para que abandonen a parada antes de que chegue o seguinte autobús.

Paralelamente, a Policía Local formará os inspectores da empresa de autobuses para indicarlles como denunciar estas infraccións.

Artigos relacionados

Back to top button