OurenseÚltima hora

A posta en valor da Via Nova romana, abordada nun encontro na Deputación de Ourense

Manuel Baltar reuniuse esta mañá co alcalde do Barco para analizar esta iniciativa, en fase de elaboración, impulsada polo Eixo Atlántico co apoio do goberno provincial

O alcalde do Barco, na reunión con Manuel Baltar.

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo esta mañá no Pazo Provincial un encontro de traballo co alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, no que estudaron a ampliación das liñas de colaboración abertas entre ambas administracións e no seu traballo común en entidades como o Eixo Atlántico.

Precisamente, unha das cuestións centrais da reunión de traballo desta mañá foi o proxecto de posta en valor da Vía Nova. Unha iniciativa impulsada polo Eixo Atlántico -entidade na que Manuel Baltar é presidente do seu Foro Termal e Alfredo García, presidente da Mesa da Asemblea- co apoio da Deputación de Ourense, e que pretende converterse nun axente dinamizador do territorio a través da pegada cultural e histórica da Vía Nova, unha calzada romana que atravesaba a provincia de Ourense, unindo as antigas urbes de Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga).

O proxecto de valorización da Vía Nova está en fase de elaboración, coa vista posta en ser presentado na primavera de 2023. En próximas datas celebrarase unha reunión entre o presidente da Deputación, o alcalde do Barco e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, para seguir perfilando a iniciativa baseándose nos informes e estudos xa completados.

 

Tramo da Via Nova ao seu paso pola Serra da Enciña da Lastra (Rubiá)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Manuel Baltar recalcou a importancia desta iniciativa cultural e patrimonial, “con sobresaínte potencial dinamizador e que é outra aposta máis da Deputación pola comarca de Valdeorras”, valorando a importancia do traballo en rede para impulsar este tipo de proxectos: “O da Vía Nova é outro froito do posicionamento de Ourense en entidades como o Eixo Atlántico, e coa capacidade de tecer colaboracións cos gobernos locais e autonómicos para perfilar ferramentas coas que seguir construíndo Ourense”.

Ademais, o Concello do Barco de Valdeorras solicitou un tractor de roza para a prevención de incendios forestais, apoiándose no convenio asinado pola Deputación de Ourense -a única das catro deputacións galegas en facelo- coa Consellería de Medio Rural en materia de lumes.

Artigos relacionados

Back to top button