CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

A presentación do libro “Eloy Luis André: erudito esquecido” abre o ciclo sobre este pensador na Biblioteca de Verín

Esta obra, que rescata a figura deste pensador verinés do século XIX, está escrita por Miguel Losada, Aurora Prieto e Vicente R. Justo

 

Do 7 ao 22 de xuño a Biblioteca Municipal de Verín organizará un ciclo adicado a Eloy Luis André, filósofo, psicólogo e pedagogo nacido en Verín a finais do século XIX. O seu programa abríase na tarde do 7 de xuño coa inauguración dunha exposición sobre a súa figura e coa presentación do libro “Eloy Luis André: erudito esquecido”, obra de Miguel Losada, Aurora Prieto e Vicente R. Justo.

Esta publicación, din os seus autores, pretende “rescatar do esquecemento” a este verinés e “recoñecerlle o protagonismo que ben merece dentro do panorama galego da historia das ideas”. Asemade quere ser “un complemento do ciclo de conferencias e da exposición realizadas na Biblioteca do Concello de Verín. Na medida do posible, pretende achegar algún dato novidoso atopado durante o período de investigación dos fondos das distintas entidades consultadas e tras o traballo de outros autores como D. Xesús Taboada Chivite; D. Gustavo Bueno Sánchez; D. Xosé Ramón García Soto; D. Ramón López Vázquez e D. Alberte Blanco Casal”, engaden os seus promotores.

Nesta obra pode comprobarse como “D. Eloy é a dun enciclopedista: catedrático de Psicoloxía, Lóxica, Ética e rudimentos do dereito (tal era o nome da súa cátedra no Cardeal Cisneros), pero tamén Dr. en Filosofía e Letras, Psicoloxía, licenciado en Dereito, escritor, correspondente e articulista. Tradutor das obras W.M. Wundt (pai da psicoloxía experimental), R. Eucken (Premio Novel de literatura en 1908) e H. Höffding (filósofo danés, un dos grandes do pensamento da nosa época ao nivel de Wundt). Tamén foi sociólogo político, economista e orador”. Nela tamén se lle cualifica de “convencido europeísta e xermanófilo, liberal, republicano, federalista e intelectual galeguista”.

 

Portada do libro.

 

Tamén se sinala neste libro que nos textos escritos por André “podemos ver algún dos grandes temas cos que o mundo contemporáneo haberá inda de loitar, como o significado económico da desigualdade social, o cal equivale a preguntarse, como Bauman e como fai André, se a riqueza duns poucos, malia súa condición de grandes axentes sociais, resulta beneficiosa para os demais. Implica tamén reflexionar sobre a realidade do rol que a muller desenvolve no mundo, ou sobre como o nepotismo e outras formas de corrupción resultan transversais á estrutura institucional do estados contemporáneos”.

O ciclo de conferencias

O ciclo temático que a Biblioteca de Verín lle adicará a este pensador neste mes de xullo incluirá tres conferencias a cargo de Xosé Ramón Soto (o 8 de xuño ás 19:30h.), Alberte Blanco Casal (21 de xuño ás 19:30h.) e Carlos Thiébaut (neto de Luis André) o 22 de xuño ás 19:30h.

Fotos cedidas pola Biblioteca de Verín.

Artigos relacionados

Back to top button