OurenseÚltima hora

A primeira Feira Virtual do Libro de Galicia celebrarase en Ourense do 7 ao 10 de outubro

As librarías colocarán nos seus escaparates un cartel co programa de cada día e poñerán ao dispor do público os libros dos autores que participan nesta edición

 

“A especial situación sanitaria que vive esta cidade, lévanos a poñer en marcha unha nova iniciativa, un proxecto piloto, co que seguir levándolles a cultura aos cidadáns tratando de manter a actividade nun dos sectores máis prexudicados pola pandemia sanitaria derivada da COVID-19”, aseguran dende a Federación de LIbrarías de Galicia.

Así, a Feira do Libro de Ourense celebrarase do 7 ao 10 de outubro nas propias librarías da cidade, mantendo o programa xa deseñado pero reconvertido nunha proposta virtual, o que lle permitirá ao público coñecer de primeira man as propostas editoriais desta tempada. “Ao non poder levar a cabo os habituais encontros co público en persoa, as redes sociais servirán de punto de encontro para todos aqueles que queiran participar das actividades programadas, xa que nelas poderanse ver os vídeos, audios e textos de cada escritor participante na Feira do Libro”, explican dende a organización, engadindo que se manterá os horarios do programa previsto, así como a participación de todos os convidados.

 

As librarías colocarán nos seus escaparates un cartel co programa de cada día e poñerán ao dispor do público os libros dos autores que participan na Feira Virtual do Libro de Ourense. E xa a través das redes sociais compartirase o acto de inauguración virtual que terá lugar mañá, mércores dia 7 ás 18 horas, e no que participarán diversos representantes institucionais, apoiando esta iniciativa innovadora.

O lema deste ano “Non contaxian pero enganchan” é o reflexo da filosofía ante a situación actual, a creación dunha contorna segura para o desenvolvemento da actividade comercial e da actividade cultural.

 

Artigos relacionados

Back to top button