Trala celebración da 3ª proba da Liga Galega de Orientación a Pé 2025 que reunía a preto de 180 orientadores no Bolo, na mañá deste domingo 23 de marzo era a quenda das bicicletas de montaña con medio cento de deportistas de diferentes partes de Galicia inscritos na 1ª proba da Liga Galega de MTB-O 2025.
A carreira na modalidade de Score celebrábase sobre o mapa do Serro-A Fraga dos Ladrois, “un terreo moi variado onde os percorridos alternan entre soutos de castiñeiros, piñeirais, prados, toxeiras, viñedos e carballeiras; con fortes desniveis en algúns tramos, movéndonos entre os 575 e os 830 metros sobre o nivel do mar”.
Ás 11 horas tiña lugar a saída en masa dos primeiros corredores por categorías. Entre os colaboradores, unha xornada máis estaban os voluntarios de Cruz Vermella e Protección Civil do Bolo, O Barco, Manzaneda e A Veiga.
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella salvo as dúas última da galería que son cedidas.