EconomíaEconomíaÚltima hora

A provincia de Ourense, na principal feira de turismo de reunións e incentivos de España, a IBTM de Barcelona

No marco deste foro, Turismo Ourense conseguiu concretar 22 reunións presenciais con compradores de máis de 10 países

 

A provincia de Ourense participa, por primeira vez, na principal feira de turismo de reunións e incentivos de España que é a IBTM de Barcelona, cun punto informativo situado na caseta de Turespaña. Esta acción, desenvolta pola Deputación de Ourense a través do Inorde, forma parte da estratexia que se está levando a cabo desde o goberno provincial para impulsar o turismo MICE (Turismo de Incentivos, Convencións e Exposicións polas súas siglas en inglés) na nosa provincia, aproveitando a chegada do AVE.

Precisamente hoxe, 1 de decembro, clausurábase esta feira de negocios, que tamén é unha das a máis importante do segmento de turismo de reunións a nivel internacional: IBTM World. A representación de Ourense logrou participar nas reunións B2B, co apoio de Turismo de Galicia, logrando 22 reunións presenciais con compradores de máis de 10 países tales como España, Portugal, Alemaña, Holanda, México, Arxentina, Brasil, Tailandia, Singapura e Filipinas.

Ao longo destes días durante os que se desenvolveu este foro profesional concretouse unha intensa axenda de reunións con potenciais compradores nacionais e internacionais, entre os que se inclúen axencias de viaxes, operadores turísticos, e organizadores de eventos. Así mesmo, a provincia de Ourense tivo a oportunidade de mostrar os seus atractivos turísticos baixo a marca corporativa, coa presentación de “Ourense: A genuine destination on the Way of St. James” (Ourense: un destino xenuíno no Camiño de Santiago), completando o aforo.

Impulso do Turismo MICE

Como balance das accións realizadas ao longo deste ano polo Inorde no impulso deste nicho turístico, podemos destacar a participación en tres feiras de relevancia no segmento MICE, concretando unha serie de accións para a promoción da provincia nas principais canles de distribución deste tipo de turismo. Nelas aproveitouse tamén para dar a coñecer o catálogo dixital de espazos singulares, que contén a principal oferta da provincia e que é unha ferramenta especializada de comercialización para os profesionais do sector.

O obxectivo principal foi distribuír esta información ás canles especializadas neste segmento, que é un dos que ten máis potencial para incrementar a demanda desde a chegada da Alta Velocidade Ferroviaria, e cuxos usuarios realizan un maior desembolso económico nos destinos.

Artigos relacionados

Back to top button