En portadaÚltima hora

A provincia supera os 800 casos activos de Covid

O Hospital de Valdeorras mantense libre de virus, o de Verín sobe a 5 ingresos e o de Ourense mantense en 29, segundo Sanidade

 

A curva do coronavirus continúa a medrar na provincia e supera xa a barreira dos 800 positivos. Así na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco contabilízanse 818 casos activos, 54 máis que onte, segundo os últimos datos publicados esta mañá pola Consellería de Sanidade e actualizados ás 18h. do 7 de xaneiro.

Polo de agora, mantéñense os ingresos. Así dese total de casos, 32 están hospitalizados en planta e 2 na Unidade de Coidados Intensivos (as mesmas cifras que onte en ambos casos). E tamén volven subir os casos confirmados por PCR nas últimas 24 horas un total de 75 (fronte aos 71 de onte).

No que se refire aos ingresos, o Hospital Público de Valdeorras continúa, por quinto día consecutivo, libre de virus, mentres que o Hospital de Verín rexistra 5 ingresos en planta (1 máis que onte) e o Hospital Universitario de Ourense sobe a 27 en planta e 2 na Unidade de Coidados Intensivos (os mesmos que onte en ambos casos).

O total de casos rexistrados ata o de agora na provincia ascende a 9.109, con 7.978 curados e 313 falecidos. O último deles notificábase onte por parte de Sanidade. Tratábase dunha muller de 80 anos, que falecía no seu domicilio do concello de Bande (Ourense).

Polo de agora lévanse realizado 140.922 probas PCR e 68.887 probas serolóxicas.

Artigos relacionados

Back to top button