A recente emerxencia pola vaga de lumes forestais centraba a apertura da xornada Achegas xurídicas a cuestións ambientais que o grupo de traballo “Pensamento e ensaio” da Real Academia Galega (RAG) celebraba o 16 de setembro na Fundación Luis Seoane, na Coruña. A coordinadora da Sección de Literatura e de dito grupo, a escritora e bióloga Marilar Aleixandre, salientou os nexos profundos entre cultura e territorio e instou á elaboración dun plan de ordenamento territorial para combater non só os incendios, senón o feito de que Galicia sexa unha das rexións europeas que máis sofre o despoboamento no ámbito rural.
“A Real Academia Galega ten entre os seus obxectivos a defensa da cultura galega. A cultura, patrimonio das xentes que habitan Galicia, é indisociable do territorio. Ante a vaga de incendios, os máis graves que sufriu Galicia, a RAG expresa a súa fonda preocupación. Os estudos sinalan a crise climática como responsable da gravidade e da velocidade de extensión dos incendios, e non cabe negar a súa existencia. Galicia precisa un novo plan de ordenamento territorial que reverta o despoboamento. No noso territorio o mato de toxos, xestas, uces, queiroas entoan o canto da biodiversidade, as árbores frondosas, carballos, castiñeiros actúan como cortafogos naturais: precisamos máis protección para os espazos que forman parte da Rede Natura”, subliñou a académica de número.
O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, afondou na inauguración na relación entre cultura e territorio e no impacto da mesma nos idiomas minorizados. “Estudos moi serios en todo o mundo mostran como o deterioro da diversidade lingüística e as ameazas para a supervivencia das comunidades lingüísticas minoritarias van da man do deterioro das condicións ecolóxicas e ambientais onde viven estas poboacións. O caso galego tamén o demostra”, apuntaba. “Por tanto, cando estamos preocupándonos polo medio ambiente e polo territorio estamos preocupándonos pola xente que vive no noso país, estámonos preocupando por crear as condicións para o futuro da transmisión da lingua galega, a supervivencia e a vitalidade da lingua galega”, engade.
O encontro, organizado pola RAG co apoio do Concello da Coruña, contaba coa participación da avogada do Estado Consuelo Castro Rey, o maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia Luís Villares Naveira, a académica correspondente e catedrática de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela Alba Nogueira e o tamén docente na mesma institución Beltrán Puentes.
Os relatores abordaban temas que van da evolución da paisaxe no ordenamento xurídico e a responsabilidade pola contaminación mariña por hicrocarburos á influencia do contexto xeopolítico global na lexislación ambiental europea e a implantación da estratexia da economía circular na Unión Europea.
A protección da paisaxe como elemento de identidade
A contribución de Consuelo Castro Rey na xornada centrábase na evolución do concepto da paisaxe –preocupación dalgúns dos máis destacados ensaístas das letras galegas– e mais da súa recepción e o tratamento que se lle dá desde o ámbito xurídico, que debe garantir o dereito das persoas a gozaren dunha contorna de calidade, advirte a avogada do Estado.
Lonxe queda hoxe a visión romántica da paisaxe do século XIX. Na actualidade, explica a xurista, esta enténdese como “o marco de vida de persoas e comunidades, un elemento de identidade co que a xente establece unha relación”. E desde esta concepción, fronte á “intensa degradación do contorno no que habitamos”, medra a sensibilidade colectiva e a demanda para a súa protección. “A paisaxe empeza, así, a ser obxecto de atención polo dereito”, contextualiza Consuelo Castro Rey.
Un contexto xeopolítico adverso
Pero non todo son avances en materia de lexislación ambiental. A xuízo de Alba Nogueira, a “encrucillada global” non axuda en absoluto. A catedrática analizará como o contexto xeopolítico está a reordenar as prioridades políticas neste escenario, tamén no seo da Unión Europea. “O auxe da extrema dereita está provocando que as cuestións ambientais perdan pulso na axenda da UE, e isto repercute tamén na de España, que sempre foi un pouco ao remolque do impulso europeo. Ultimamente non hai unha gran produción normativa, case todo o que se fai é actualizar textos xa existentes e non novas medidas. Mesmo se abandonaron algunhas medidas estrela como a directiva na que se estaba a traballar para regular o greenwashing, a publicidade enganosa verde”, expón.
A profesora Nogueira pon tamén o foco no que se fai desde o ámbito lexislativo europeo en contra da protección ambiental. “Publicouse hai pouco unha iniciativa ómnibus para simplificar cargas administrativas que sofren as empresas e, curiosamente, case todas as que se identifican son ambientais”, lamenta.
Alén dos marcos normativos, a práctica política no contexto actual tampouco a leva ao optimismo. “Trump está forzando que a UE faga excepcións para as empresas americanas co ordenamento que as obriga a cumprir as normas ambientais europeas para exportaren os seus produtos, e Europa non está facendo casus belli diso”, pon como exemplo. Denuncia ademais que parte da acción global da UE en materia ambiental teña “máis retórica ca fondo”. “En moitos casos o que fixo Europa foi externalizar problemas, deslocalizando empresas contaminantes ou exportando residuos perigosos”, denuncia.
Fotos: RAG.