CulturaCulturaÚltima hora

A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrecerá 10 actuacións no Barco e 4 na Rúa

O circuíto de exhibición de espectáculos cofinanciado entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xunto a entidades locais, programa 25 actuacións artísticas na provincia de Ourense ata finais de ano

Exterior do Teatro Lauro Olmo do Barco./ Foto: A.R.

 

A Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de exhibición de espectáculos cofinanciado entre a Xunta e 40 entidades locais asociadas, achegaralle oito funcións á programación do Teatro Principal de Ourense ata final de ano. A primeira delas celebrarase o 14 de setembro e con ela abrirase a axenda deste recinto para os últimos meses de 2023. Será unha función de La Isla del Aire, obra de Teatre Romea con Nuria Espert no elenco.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación do programa completo do Teatro Principal xunto á súa directora, Olga Mojón, e o vicepresidente da Deputación de Ourense, César Fernández Gil. No acto fixo referencia a esta carteleira como parte das 176 actuacións culturais que acollerán ata decembro 37 concellos galegos integrados no circuíto e ao que se incorpora ademais por vez primeira O Grove.

O representante da Xunta puxo en valor “tanto a calidade como a diversidade” da actividade do Teatro Principal, cuxa actividade converte o seu escenario nun auténtico “referente cultural” para a terceira cidade de Galicia. Así como o compromiso deste espazo coas “citas imprescindibles” do calendario escénico da temporada. Nesta liña, citou tamén eventos que se desenvolverán no recinto e que contan co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, como o Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) ou o Ourense Film Festival (OUFF).

Estrea de ‘Made in Galiza’

O Teatro Principal tamén acollerá o xoves 21 de setembro a estrea da nova montaxe de Sarabela Teatro: Made in Galiza. A histórica compañía ourensá levará a escena o libro homónimo de Séchu Sende e ofrecerá outras dúas representacións da peza os días 22 e 23 de setembro dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Este circuíto de exhibición de espectáculos contribuirá tamén á programación do escenario dependente da Deputación de Ourense con outras tres representacións: Berro, espectáculo de Nova Galega de Danza (28 de outubro); Búho, montaxe da Titzina Teatro (5 de novembro), e Hamelin, adaptación de Redrum Teatro ao galego do texto de Juan Mayorga (1 de decembro).

No Barco de Valdeorras

Ademais das programadas no Teatro Principal da cidade das Burgas, a Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrecerá outras 26 actuacións artísticas na provincia de Ourense. Así, ás sete representacións citadas, cómprelles sumar as 10 que se celebrarán no Barco de Valdeorras e as catro que se programarán na Rúa e mais no Carballiño.

No caso do municipio valdeorrés, a carteleira da Rede principiará o 13 de setembro con Circo Krasnovarak, que Troula Animación desenvolverá no Paseo do Malecón. Neste mesmo espazo terá lugar o venres 15 The Show Moscón, de Galitoon.

A partir de aí, a actividade da Rede trasladarase ao Teatro Lauro Olmo, que acollerá en setembro e outubro as obras A nena que vivía nunha caixa de mistos, de Caramuxo Teatro (29 de setembro); Iphixenia na porta do súper, de Compañía Humana (5 de outubro); Las bodas de Fígaro, de Camerata Lírica (6 de outubro); Falar por falar, de Volta e Dálle Teatro (20 de outubro), e Arte sen guión, de Galeatro Producións Escénicas (27 de outubro).

En novembro, chegaralles a quenda a Arraianos, de Sarabela Teatro (venres 3); Esas cousas marabillosas, de Empatía Teatro (venres 10), e Lerele, de Compañía Bala Perdida (venres 17).

A Rúa e O Carballiño

A Rúa celebrará na área recreativa do Aguillón dous concertos enmarcados na Rede Galega de Teatros e Auditorios: Guateques de clásicos, actuación musical de Cherry and the Ladies o 11 de agosto, e un recital da banda Soul Teller xusto ao día seguinte. O Centro Cultural Avenida, pola súa banda, recibirá o 20 de outubro a Teatro do Noroeste e a súa Gloria Nacional, mentres que o 12 de novembro chegará A Tropa de Trapo e o seu O ritmo do camiño.

O Auditorio Manuel María do Carballiño celebrará da man da Rede Galega de Teatros e Auditorios as funcións de Insubmisa, de Antagonista Teatro, o 23 de setembro; Teatro dos vieiros, espectáculo musical de Xoán Curiel, o 4 de novembro; O auto do Castromil, obra de Excéntricas en coprodución co Centro Dramático Galego, o 2 de decembro; e Ilusionante, peza de maxia a cargo do mago Pedro Volta, o 10 de decembro.

Artigos relacionados

Back to top button