ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

A residencia de maiores Virxe dos Milagros de Valdegodos (Vilamartín) recibirá dous millóns de euros para completar a súa remodelación

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitaba hoxe este centro da Fundación Valdegodos

 

A Fundación Valdegodos recibirá da Xunta de Galicia dous millóns de euros para a adaptación da súa residencia de maiores Virxe dos Milagros de Vilamartín de Valdeorras ao novo modelo de coidados. Así o indicaba a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, durante a visita que realizaba na mañá deste venres 13 de xaneiro ás instalacións, acompañada polo presidente da Fundación Valdegodos, Miguel Blanco e polo director desta residencia, Félix Pérez.

En Valdegodos, a conselleira indicou que dez entidades sociais de Galicia mellorarán os seus servizos ou crearán outros novos coa nova orde de axudas para a construción ou remodelación de centros de titularidade social, dotada de 13 millóns de euros, explicando que “os fondos outorgados a esta residencia permitirán crear no centro unidades de convivencia de menos de 25 persoas e máis habitacións individuais, que chegarán ao 75% da capacidade total do equipamento”. Ademais, destacou a identidade rural deste centro, que supón un servizo próximo aos fogares das persoas maiores deste municipio e dos da súa contorna.

 

 

O Goberno galego segue a avanzar na implantación do novo modelo, que ten como obxectivo “facer aínda máis fogares as residencias de maiores para humanizalas e para que os seus usuarios se sintan como na súa casa”. Os piares deste novo modelo de coidados da Xunta baséase “na creación de espazos máis privados para os residentes, nunha maior coordinación sociosanitaria para mellorar a comunicación entre estes dous ámbitos e no aproveitamento das novas tecnoloxías para facilitar o traballo dos profesionais e mellorar a atención aos residentes”, explicou a conselleira.

Pola súa banda, o presidente da Fundación, Miguel Blanco, explicou que ata agora levan xa remodelado o 50% do centro e con esta subvención poderán rematar as outras tres plantas “o total das 217 prazas que temos” e suporá “o futuro do centro, dos traballadores e da xente que aquí vive, no rural onde é feliz”, dixo, adiantando que coa remodelación as prazas reduciranse a 213, en 9 unidades de convivencia de 23 persoas cada unha que terá o seu propio persoal. “Nas unidade de convivencia, os maiores están atendidos polo mesmo persoal todos os días o que permite, cun modelo de traballo centrado en cada persoa, que o servizo que lle poidamos prestar sexa moito máis personalizado, humano e de calidade”, puntualizou Blanco.

 

O presidente da Fundación Valdegodos, Miguel Blanco.

 

“Dende a Xunta fixemos un novo modelo de coidado precisamente para iso, converter os centros residenciais en unidades de convivencia con habitacións individuais e a incorporación de novas tecnoloxías e esta será unha das primeras de Galicia que se adapte a ese novo modelo”, concluíu a conselleira antes de iniciar a visita e saudar aos residentes.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button