
A rexedora da Pobra de Trives, Patricia Domínguez, vén de asinar dous decretos que marcan o inicio do seu segundo mandato. A rexedora delega as competencias do equipo de goberno, designando tres tenentes de alcaldesa coa seguinte orde: Aarón Álvarez Corrales (primeiro tenente de alcaldesa), Fermín Santoveña Herrero (segundo) e José Luis Vidal Fernández (terceiro). Tal e como explicou Domínguez, o grupo decidiu que Aarón Álvarez asumise a primeira tenencia “para poñer en valor a xuventude e o coñecemento”.
Tamén mediante decreto establecéronse as responsabilidades de cada un dos membros do equipo de goberno para este mandato 2023-2027. A rexedora dirixirá as áreas de Turismo e Relacións Institucionais; Miguel Sierra Fernández asumirá Contratación, Urbanismo e Obras; Fermín Santoveña Herrero será o responsable de Deportes, Protección Civil e Seguridade Cidadá; Aarón Álvarez Corrales estará ao fronte de Economía e Facenda, Medio Ambiente e Medio Rural; María Cristina Paz Elías dirixirá as áreas de Educación, Benestar Social, Igualdade e Persoal e José Luis Vidal Fernández as de Cultura e Patrimonio. Este último recupera Cultura, área que xa asumiu nos anos 80 como concelleiro.
Ademais, Cristina Paz será a primeira portavoz e asumirán o resto das portavocías todos os membros do grupo socialista.
A alcaldesa da Pobra de Trives, Patricia Domínguez, asegura que se realizou “un reparto de áreas consensuado entre todo o equipo de goberno que incluirá, ademais, unha serie de comisións por áreas e concellerías onde participarán e estarán presentes todos os membros que integraron a candidatura ás eleccións municipais, formando equipos de traballo”.
Os decretos, que foron firmados no día de onte, entraron este xoves en vigor e procederase á súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro do Concello da Pobra de Trives.