En portadaÚltima hora

A Ribeira Sacra, declarada área de rehabilitación integral de carácter supramunicipal

Abrangue 25 concellos das provincias de Ourense e Lugo: Bóveda, Carballedo, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Chantada, Esgos, Manzaneda, Monforte de Lemos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Pantón, Parada de Sil, Paradela, A Peroxa, A Pobra de Trives, A Pobra de Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, San Xoán de Río, O Saviñao, Sober, Taboada, A Teixeira e Xunqueira de Espadanedo

Imaxe da zona da Ribeira Sacra ourensá./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tras a reunión do Consello da Xunta de Galicia deste xoves 20 de febreiro vén de informarse da declaración da Ribeira Sacra como nova área de rehabilitación integral (ARI) de carácter supramunicipal. Esta ARI comprenderá un total de 25 concellos das provincias de Ourense e Lugo coas súas correspondentes 433 parroquias e cunha superficie total de case 3.000 km2.

Trátase dos municipios de Bóveda, Carballedo, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Chantada, Esgos, Manzaneda, Monforte de Lemos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Pantón, Parada de Sil, Paradela, A Peroxa, A Pobra de Trives, A Pobra de Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, San Xoán de Río, O Saviñao, Sober, Taboada, A Teixeira e Xunqueira de Espadanedo.

Os obxectivos específicos da declaración desta ARI son “a mellora das vivendas situadas nas parroquias e nos seus núcleos de poboación, que presentan edificacións en estado de abandono ou sen un mantemento adecuado, así como a mellora das instalacións públicas, vías de comunicación e dos espazos de relacións”, segundo informa a Xunta de Galicia.

Segundo o estudo previo realizado, un 35% das vivendas atópanse en estado regular ou malo e o 5% restante en estado ruinoso. E, dado que este é un territorio que se caracteriza pola súa dispersión e por contar con moitas vivendas susceptibles de ser rehabilitadas, “é preciso realizar unha intervención conxunta para: a rehabilitación e renovación de edificios, a mellora da eficacia enerxética, a mellora das condicións de seguridade e accesibilidade, o aumento da ocupación dos edificios, a mellora das instalacións públicas de auga e enerxía e a mellora da calidade do medio urbano”, tal e como indica a administración galega.

Ao abeiro da área de rehabilitación os propietarios das vivendas poderán obter ata un máximo de 16.000 euros de axuda por actuación e os concellos percibirán ata 2.000 euros por vivenda rehabilitada para facer obra pública.

 

Artigos relacionados

Back to top button