ConcellosÚltima hora

A Ribeira Sacra remata a ponte do Apóstolo Santiago cun 79% de ocupación turística

Un dos miradoiros de da Pobra de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A ponte do 25 de xullo deixa resultados moi positivos no sector turístico da Ribeira Sacra. Así os hoteis 4 e 3* rexistraban unha ocupación do 84%, nos establecementos de turismo rural dun 75%, nas vivendas turísticas e de uso turístico dun 77% e nutros aloxamentos dun 80%. “É unha ocupación elevada e a meirande parte dos xestores de aloxamento amósanse moi satisfeitos de como vai a campaña e das previsións tanto para agosto como para setembro”, tal e como se destaca dende o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, matizando ademais que a ocupación da ponte o pasado ano (na que o 25 foi luns) ascendeu ao 83%.

Neste senso, dende o consorcio explícase que esa diferenza de 4 puntos de ocupación pode ter diversas explicacións. “Preto do 50% de aloxamentos conseguiron encher, o resto dos hostaleiros coinciden en que a celebración das eleccións influiu de xeito considerable, pois establecementos que teñen unha ocupación do 100% en pontes anteriores e no resto das fins de semana de xullo non conseguiron completala durante estes días. Semella que os plans en familia e entre amigos nos lugares de orixe foi unha opción a combinar coa cita eleitoral”.

Ademais esta entidade apunta que “nalgún dos recursos turísticos dos que levan reconto de visitantes si se notou unha especial afluencia de público local e da contorna de Ribeira Sacra, en relación á ponte de anos anteriores. Por outra banda, as pontes de 4 noites adoitan ter unha ocupación menor en relación ás de 3 noites, en calquera momento do ano. Finalmente, o número de prazas sobre o que se calcula a ocupación é bastante superior ao do 2022, pois non só se abriron novos aloxamentos dende entón no territorio, senón que neste balance xa figuran os aloxamentos dos concellos incorporados ao xeodestino (A Pobra de Trives, Chandrexa de Queixa, Manzaneda, O Pereiro de Aguiar e San Xoán de Río). Tendo en conta isto, poderiamos concluir que en 2022 foron ocupadas 5.500 prazas de media en cada unha das tres noites (en 21 concellos), e en 2023 foron ocupadas unha media de 6.300 prazas cada unha das 4 noites da ponte (en 26 concellos)”.

Artigos relacionados

Back to top button