DeportesÚltima hora

A Rúa acollerá unha das andainas “Móvete polas enfermidades raras” en favor de Anasbabi

A cita solidaria, organizada polo club Atletismo Rúa, será o 1 de marzo con saída e meta na praza de Fontei

Andarines nunha proba organizada polo club Atletismo Rúa. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

A Rúa acollerá a primeira marcha “Móvete polas enfermidades raras” de 2020 en favor de Anasbabi Ciclopatías.

O Club Atletismo Rúa organiza para o domingo 1 de marzo unha andaina nesta localidade valdeorresa, incluída no programa da asociación sen ánimo de lucro que pretende ser “un soporte, enlace e grupo de investigación para as persoas cunha enfermidade rara” . Será a primeira actividade das moitas que se realizarán ao longo do ano para recadar fondos en favor dos afectados por este tipo de doenza.

O circuíto constará dunha distancia de 7 quilómetros e tanto a saída como a meta da proba estarán situadas na praza de Fontei. O prezo da inscrición é de 5 euros por persoa e pode facerse na páxina web http://www.anasbabiciliopatias.es, ou nas tendas Tri-Sport (A Rúa) e Foot on Mars (O Barco). Os menores de 16 anos deberán ir acompañados de pais, nais, titores ou calquera familiar maior de idade.

Tamén se habilitará unha FILA 0 para as persoas que desexen colaborar sen participar na proba. A retirada de dorsais realizarase na mesma praza entre as 9 e as 10:30 horas e a andaina comezará ás 11.

Artigos relacionados

Back to top button