Mesmo lugar pero diferente estilo. Na mesma praza da Estación que onte acollía o musical dos peregrinos ‘Camiñantes e Cantantes’ con música galega, se celebraba na noite deste xoves 8 de agosto ‘O Gran Guateque’, o segundo festival promovido e patrocinado por Turismo de Galicia para vivir por todo o alto o verán 2024 na Rúa.
Con Los Brincos, Los Limones e Pablo Abraira, a praza volvía quedar pequena para o númeroso público entre o que estaba o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé M. Merelles (natural da Rúa), que cantou nesta “sentida homenaxe a todos e todas as artistas que nos fixeron vibrar neste mesmo espazo ao longo dos anos”, tal como indican dende o Concello.
Los Brincos, banda liderada por Miguel Morales comezaban na Rúa a xira do 60º aniversario do grupo, cun repertorio cantado polo público de temas como Un sorbito de Champagne, Lola, Nadie te quiere ya ou Sola, entre outras moitas. Vestidos con capas e panos ao pescozo, eran os primeiros en subirse ao escenario.
A banda ferrolana Los Limones, de máis recente creación (foi fundada a comezos dos 80) e os últimos en actuar, ten no seu repertorio cancións como Trenes sin destino, No le digas, El tiempo pasará, No está mal la soledad ou Donde acaba el mar.
Con todo, o artista convidado e sen dúbida máis esperado polo público era Pablo Abraira autor de temas míticos como O tú o nada ou Gavilán o Paloma, entre outros moitos que foron número un no panorama musical nacional.
A terceira e última cita do ciclo ‘BeiraRúa’ será o 31 de agosto con artistas como Abertal, Magín Blanco ou The Rapants, entre outros. E entre medias, na fin de semana do 9 ao 11, unha nova edición da Bacofesta con música moi variada e divertida como a de Mojinos Escocíos.
Fotos e vídeos: O SIL e cedidas.